O Concello de Lugo celebrou este luns o pleno sobre o estado da cidade, unha sesión marcada polo balance de xestión do goberno local, o recordo dos falecidos e o anuncio de importantes proxectos de futuro, sen que faltase un intenso cruzamento de reproches entre goberno e oposición. O transporte público, a evolución demográfica, a mellora do espazo urbano e as relacións institucionais centraron boa parte do debate. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo (BNG), abriu a súa intervención cun recordo a Paula Alvarellos e Pablo Permuy, falecidos este ano, así como a Felipe Rivas. Arroxo cualificou 2025 como un ano “duro a nivel humano”, pero subliñou que, a pesar diso, o goberno municipal “soubo seguir adiante sen deter a xestión”.
NOVA LICITACIÓN DO TRANSPORTE URBANO
En materia de mobilidade, Arroxo destacou que o transporte urbano bateu marcas históricas de uso en 22 dos últimos 24 meses, o que permitiu que 2024 pechase como o mellor ano de viaxeiros e que 2025 volva superalo amplamente. Con todo, recoñeceu que o actual contrato do bus urbano “non se axusta ás necesidades reais de Lugo”, ao limitar quilómetros, liñas e horarios a pesar da crecente demanda. Neste contexto, anunciou que o Concello non prorrogará o contrato que finaliza en xuño e que en xaneiro comezarán os traballos para sacar a licitación un novo prego que permita ampliar percorridos, crear novas liñas e mellorar frecuencias.
O futuro contrato incluira conexións entre barrios como Lamas de Prado e Abella co sur da cidade, a unión do cemiterio co norte urbano, melloras de puntualidade en liñas como a 1 e a 5, así como un reforzo de horarios en zonas de emprego como o polígono de O Ceao. Tamén se avanzará na dixitalización do servizo, con integración en Google Maps e máis pantallas informativas. Arroxo anunciou ademais a posta en marcha, tras as festas do Nadal, dun proxecto piloto de taxi a demanda en dúas parroquias, co obxectivo de cubrir ao 100% da poboación rural en 2027.
CONSORCIO DO CENTRO HISTÓRICO E ÁREA METROPOLITANA
O alcalde, Miguel Fernández (PSOE), reforzou a mensaxe de balance positivo, sinalando que Lugo é hoxe “unha cidade máis habitable, que xera oportunidades e gaña poboación”. Neste contexto, anunciou que o Goberno local activou os primeiros pasos técnicos para impulsar a creación dun Consorcio do Centro Histórico e abrir un proceso de diálogo cos concellos limítrofes para explorar a constitución da área metropolitana de Lugo. Fernández defendeu que as áreas metropolitanas son unha ferramenta fundamental para optimizar recursos e competir por fondos europeos: “Trátase de sumar capacidades e de pensar a cidade e o territorio en clave de futuro”.
O alcalde reivindicou un urbanismo que xere oportunidades, un centro histórico vivo e un rural atendido. Puxo en valor o avance do plan urbano, o impulso ao Plan Municipal de Vivenda e actuacións clave como o desdobramento da avenida Infanta Elena ou a mellora da avenida Adolfo Suárez. No plano institucional, Fernández defendeu a lealdade entre administracións, pero reclamou firmeza cando outras institucións non cumpren con Lugo: “Lugo non pide privilexios; pide igualdade, respecto institucional e feitos”.
REPROCHES DA OPOSICIÓN
Desde o Partido Popular, a portavoz Elena Candia foi moi crítica coa xestión do goberno local. Denunciou a falta de persoal e de atención aos traballadores municipais, cuestionou a credibilidade do executivo por proxectos que non se materializan e considerou “inadmisible” debater sobre o futuro da cidade sen coñecer aínda os orzamentos de 2026. Sobre o transporte urbano, Candia instou o goberno a ser “valente” e a non licitar un novo contrato, apostando pola xestión directa do servizo.
Candia criticou tamén a aprobación do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable e a ordenanza da zona de baixas emisións, ademais de sinalar unha “falta de liderado no executivo” e unha estratexia de confrontación constante coa Xunta. Reprochou que non estea terminada a autovía con Santiago e que non se repuxeron as frecuencias de tren: “Empezou con 13 persoas e agora son 12, abandonan ata os seus”, concluíu a portavoz popular en relación á composición do goberno.
