Os grupos municipais do PP e do BNG en Lugo aprobaron a moción, presentada polos populares, que pedía a reprobación de José Tomé polas acusacións de acoso sexual, mentres que o PSOE votou en contra ao considerar a iniciativa “claramente parcial e orientada ao interese partidista”.
No debate, os populares criticaron a actitude do PSOE e do BNG por permitir que Tomé continúe “aferrado aos seus cargos”, o que, ao seu xuízo, supón unha renuncia aos principios que ambos os partidos din defender. Consideran que se trata dunha situación sen precedentes na provincia, “que esixe explicacións claras, transparencia e unha resposta institucional firme”.
Nesta liña, o PP de Lugo expresou o seu apoio e solidariedade coas denunciantes e reclaman que os feitos se investiguen ata as últimas consecuencias, tanto no ámbito xudicial como no político. Advirten de que calquera intento de minimizar ou ocultar este tipo de situacións lanza unha mensaxe negativa na loita contra a violencia de xénero e dana gravemente a confianza da cidadanía nas institucións.
Así mesmo, os populares cuestionaron que poden pensar as mulleres do PSOE ao ver que unha persoa acusada de varios casos de presunto acoso sexual continúa no cargo e apuntaron que o BNG “terá agora a oportunidade de demostrar se segue apoiando esta situación ou se decide situarse ao lado das vítimas”.
ACTUAR CON FINS PARTIDISTAS
A pesar do seu voto a favor, á entrada da sesión, o portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, acusou ao Partido Popular de actuar con fins partidistas. Tal e como afirmou, “ao PP non lle importan as vítimas, só quere conseguir o goberno da Deputación” e puxo como exemplo o caso de José Manuel Baltar, “acusado por asuntos moi graves, mesmo con gravacións”, e que, na súa opinión, foi “premiado” cun posto no Senado.
Por todo iso, Arroxo tachou esta iniciativa de “hipocrisía absoluta” e subliñou que o BNG presentou unha emenda á moción do PP co obxectivo de “aclarar o debate” e evitar un uso interesado.
INICIATIVA “PARCIAL E PARTIDISTA”
Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista argumentou o seu ‘non’ a esta iniciativa porque resultaba “claramente parcial e orientada ao interese partidista”. Deste xeito, o PSOE sinalou que a proposta dos populares non expuña unha condena xeral e sen excepcións de todas as condutas de acoso sexual e do seu encubrimento, senón que se centraba unicamente en determinados casos concretos, seleccionados de maneira interesada e excluíndo outros por conveniencia política.
Por iso, os socialistas presentaron unha emenda “clara, coherente e responsable” para que a reprobación institucional se estenda a todas as condutas de acoso sexual e a todos os cargos públicos que as cometan ou as encubran, con independencia da súa afiliación política. Con todo, lamentaron que o Partido Popular rexeitase aceptar esta emenda, o que, ao seu xuízo, evidencia a súa falta de vontade para asumir unha condena firme e sen dobres rapadoiras.
Para os socialistas, esta negativa demostra que a verdadeira finalidade da proposición non era erradicar o acoso nin protexer ás vítimas, senón “utilizar un asunto de extrema gravidade como ferramenta de confrontación política”. omo consecuencia diso, o Grupo Municipal Socialista votou en contra da iniciativa, ao non estar disposto a apoiar o que cualifican como unha condena selectiva.
OUTROS ASUNTOS
Máis aló deste punto, o pleno do Concello de Lugo aprobou tamén a ordenanza reguladora da Zona de Baixas Emisións, unha normativa que permitirá controlar e regular os accesos ao centro histórico de Lugo unha vez entren en funcionamento, nos próximos meses, as cámaras lectoras de matrículas. Segundo explicou Arroxo, trátase dunha medida clave para a ordenación da mobilidade e a mellora ambiental no centro da cidade.
Por outra banda, os populares tamén conseguiron chegar de novo a un entendemento co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, para recuperar o acordo asinado no ano 2022 entre o Concello e a Xunta de Galicia para facer realidade o Museo da Romanización.
PSOE e BNG tamén votaron en contra de desbloquear no Congreso dos Deputados as leis antiocupación aprobadas no Senado. Na proposición instábase o Goberno do Estado a levantar o veto á tramitación destas iniciativas para que poidan ser debatidas e votadas, así como a axilizar a reforma do Código Penal para que cortar subministracións nunha vivenda ocupada ilegalmente non sexa considerado un delito de coacción.
Pola súa banda os populares agradeceron que o concelleiro Mauricio Repetto “vise con bos ollos o recoñecemento da figura de Ramón Falcón Rodríguez pola súa contribución á conservación da muralla romana de Lugo e que aceptase a solicitude de colocar unha placa que preserve a súa memoria”.
