InicioLugo e contornaLugoA Escola de Música de Lugo reabrirá este ano co novo plan...

A Escola de Música de Lugo reabrirá este ano co novo plan de recursos humanos

O plan, que foi detallado pola portavoz socialista do grupo de Goberno, Ana González Abelleira, contempla a recualificación de 19 postos de traballo dos grupos C2 e C1 co obxectivo de "achegar seguridade xurídica" ao persoal

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este mércores ao Plan de Ordenación de Recursos Humanos para a Escola de Música, unha medida “moi demandada pola banda e a escola” e que permitirá pola en marcha este ano.

O plan, que foi detallado pola portavoz socialista do grupo de Goberno, Ana González Abelleira, contempla a recualificación de 19 postos de traballo dos grupos C2 e C1 co obxectivo de “achegar seguridade xurídica” ao persoal. O documento inclúe, ademais, a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), pendente agora de negociación sindical. O goberno local subliña que esta actuación permitirá “estabilizar ao persoal da banda, mellorar as súas condicións profesionais e garantir a continuidade dun servizo esencial”.

En materia de Urbanismo, tamén se aprobou a expropiación forzosa dos terreos do Sacro Corazón, onde a Consellería de Sanidade proxecta construír o novo centro de saúde. Os terreos, propiedade de Afundación, non puideron ser adquiridos por acordo entre as partes, polo que se procederá á expropiación por un importe taxado en 710.000 euros. A medida abre agora un período de exposición pública. O executivo local destaca que se trata de “un paso importante e decisivo para non demorar máis unha obra necesaria para a cidade”.

Tamén se aprobaron os pregos de gasto do Mercado de Nadal 2025, unha das citas máis esperadas do inverno lucense. Cun investimento superior a 44.000 euros, o contrato dividirase en dúas fases: a instalación e retirada das casetas, ademais da programación de actividades de dinamización. O mercado contará con 24 casetas, iluminación especial e unha ampla oferta cultural.

Por último, acórdase unha bonificación do 90% da taxa urbanística para a mellora da accesibilidade nun bloque de vivendas situado na Rolda da Carmen.

ESCOLAS INFANTÍS

Pola súa banda, o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anuncia a apertura do procedemento de licitación para o servizo educativo, de cociña, comedor e limpeza das escolas infantís Luís Soto Menor (en San Fiz) e María Wonenburger (na Piringalla) para os próximos dous anos, prorrogables a un máximo de catro, xa que o contrato actualmente en vigor está próximo a finalizar.

En conxunto, a licitación ascende a uns 1,7 millóns de euros máis IVE (8865.232,33 euros para Luís Soto Menor e 859.865,40 euros a escola María Wonenburger). Arroxo destaca que, “unha vez máis, o Concello asume competencias que non lle corresponden ante a falta de implicación da Xunta de Galicia na xestión das escolas infantís”, e engade que: “Cada ano realizamos un importante esforzo económico e administrativo desde a Concellaría de Educación para manter un servizo esencial que a Xunta desatende”.

Durante a sesión tamén se aprobou o inicio do procedemento de contratación para a impresión dos calendarios de mesa do Arquivo Municipal, unha iniciativa moi ben valorada pola cidadanía, xa que inclúe imaxes históricas da cidade procedentes do propio arquivo. Prevese a edición de 2.000 exemplares anuais, cun contrato prorrogable ata tres anos e un orzamento inicial de 4.356 euros.

Así mesmo, deuse luz verde ao convenio de colaboración entre o Concello de Lugo e a Fundación a Caixa para a instalación da exposición ‘Symphony. Unha viaxe ao corazón da música clásica’, que se exhibirá na Praza Horta do Seminario. A mostra estará aberta ao público entre o 25 de outubro e o 12 de decembro de 2025 e “non suporá ningún custo económico para o Concello, que só se encargará da xestión do espazo público”, explica Arroxo. “Trátase dunha proposta cultural de gran valor educativo, especialmente dirixida aos centros escolares”, engade.

Por último, o Concello iniciou un procedemento sancionador contra a empresa Serviplustotal S.L., adxudicataria da xestión da Casa das Linguas entre o 14 de xuño de 2024 e o 21 de agosto de 2025. A empresa foi denunciada por cinco traballadoras que aseguraron non percibir os salarios correspondentes entre o 1 e o 20 de agosto de 2025, “o que constitúe un incumprimento grave das obrigacións contractuais”. Como consecuencia, o Concello iniciou o proceso para sancionar á empresa co 5% do valor total do contrato, equivalente a 5.687,22 euros.

ÚLTIMAS

Polémica no pleno provincial tras abandonalo o PP antes da votación dos orzamentos

Os 12 deputados do Grupo Provincial Popular abandonaron este martes o pleno provincial na...

A Deputación de Lugo súmase á reclamación da descentralización de Medicina: “Non só para Vigo e Coruña, para Lugo tamén”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, reclamou a participación de Lugo no...

Avance de cartel do Caudal Fest 2026

O 'Caudal Fest', evento que segue en ascenso ata posicionarse como o terceiro festival...

O lucense Alejandro Álvarez, ‘Mellor Condutor de Autocares 2025’ na categoría Mundo na feira ‘ExpoBus Iberia’

ExpoBus Iberia é unha feira de transporte de viaxeiros por estrada que tivo lugar...