O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, instou á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a manter unha reunión de traballo na Casa Consistorial co obxectivo de avanzar na firma dun convenio de colaboración entre todas as administracións implicadas na reforma das instalacións da protectora de animais de Lugo.
O rexedor lembrou nunha carta remitida á conselleira autonómica a necesidade de actuar con “determinación e rapidez” unha vez que a pasada semana, e tras varios intentos, o proxecto conseguiu o visto e prace do departamento de Urbanismo.
“O goberno local xa fixo o seu parte. De feito, contamos coa consignación orzamentaria necesaria para financiar a nosa achega. Queremos coñecer en que punto atópase a Xunta en relación con este asunto e cal é a súa disposición real a colaborar de forma inmediata, unha vez que a Deputación Provincial confirmou a súa contribución. É necesario concretar esa colaboración entre todas as partes implicadas. O obxectivo é que Xunta, Deputación, Protectora e Concello podamos asinar canto antes un convenio que garanta a viabilidade económica dunha actuación urxente e imprescindible”, subliña Fernández.
O proxecto, redactado polos arquitectos Manuel Cortón Muñelo e Diego Vila Fernández, prevé un investimento superior a 517.000 euros e un prazo de execución de 36 meses. Inclúe a creación dun novo edificio de recepción e clínica veterinaria, unha residencia e zona de corentena para gatos, un parque de caniles sectorizado, melloras nas áreas de servizo, almacenamento e aparcadoiro, así como a instalación de paneis solares e zonas de paseo para os animais.
Este proxecto de reforma foi motivo de tensión política nos últimos meses entre o Partido Popular e o equipo de goberno municipal, en especial cando este non foi aprobado na primeira revisión. Outro dos motivos de tensión foi o financiamento do mesmo, ata que se chegou a un compromiso de todas as partes para repartirse o custo desta actuación, cualificada de imprescindible e urxente debido ás carencias de espazo da infraestrutura.
O alcalde destacou que “a protectora leva décadas realizando un labor encomiable, atendendo cada ano por centos de animais abandonados. É de xustiza que conte cunhas instalacións dignas, adaptadas á normativa, que reflictan o compromiso de Lugo co benestar animal e coas entidades que traballan día a día sobre o terreo”.
Fernández lembrou que o Concello destinou máis dun millón de euros á protectora no últimos cinco anos -a última achega farase efectiva esta mesma semana-, ademais de acompañar o proceso técnico para a legalización das instalacións actuais. “Agora é o momento de dar o paso definitivo e de que todas as administracións somen esforzos. A colaboración institucional é a única vía para que Lugo conte cun espazo moderno e eficiente para a protección e o coidado dos animais”, afirmou.
O alcalde conclúe sinalando que a reunión coa Consellería e o resto de axentes implicados debe servir para concretar a repartición de responsabilidades financeiras e ofrecer unha solución definitiva á situación das instalacións de Muxa. “Por fin, despois de moito tempo e grazas á mediación municipal, existe un proxecto viable, solvente e con respaldo técnico; só falta a vontade política para facelo realidade. Lugo e o benestar animal merecen ese compromiso conxunto, á marxe de dispútalas partidistas”, finalizou.