InicioMovementos sociaisOs bombeiros de Lugo, incapaces de atender "dous sinistros" á vez

Os bombeiros de Lugo, incapaces de atender “dous sinistros” á vez

O corpo anuncia manifestacións para protestar pola falta de efectivos e a ausencia de xefe dende 2015, e CCOO cualifica de irresponsable a xestión do Concello

PUBLICADA O

- Advertisement -

A plantilla municipal de bombeiros de Lugo manifestarase e recollerá firmas en protesta pola precariedade do corpo. Así o anunciaron membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Concello en rolda de prensa, alertando da situación límite no número de efectivos, que impide atender “dous sinistros á vez”.

Hogano hai 37 traballadores en plantel. Este número supón unha reducción de case un terzo con respecto a 2002, como detallou o delegado de Comisións Obreiras no parque de bombeiros, Tino Vila. A situación agrávase polas cinco xubilacións previstas neste ano, e a ausencia de xefatura dende 2015, circunstancia que obriga a que o membro do corpo con máis experiencia asuma o liderado en cada quenda.

No corpo insisten na necesidade de alomenos oito bombeiros por quenda, esixencia “que a alcaldesa non aceptou, decretando un mínimo de seis”. Os profesionais do servizo de extinción explican que a plantilla decidiu realizar servizos extraordinarios voluntarios para manter o servizo operativo mentres continuasen prazas vacantes.

Risco para a cidadanía e os profesionais

“Faremos todo o posible cos medios humanos dispoñibles para manter a operatividade do servizo”. Así e todo, instan o Concello a “garantir a seguridade da cidade e dos propios bombeiros”, advertindo de que “reducir a cantidade de participantes nunha intervención aumenta o risco”. “A día de hoxe é imposible cubrir dous sinistros á vez”.

Os membros do plantel comparan a situación do corpo municipal coa traxedia de Badalona. “A ese lume acudiron once bombeiros e un reforzo de vinte e un bombeiros de Barcelona”, algo que non evitou un balance de varios mortos e ducias de feridos. “E está lonxe do número que podería saír se pasase algo semellante en Lugo”, advirten.

Pola súa banda, o representante de CCOO acusou os responsables municipais de “neglixencia” e pediu cubrir con urxencia as vacantes con ofertas de emprego público. “A falta de organización e recursos supón un altísimo risco para a cidadanía e os propios profesionais”, lamentou Vila. Así, anunciou concentracións e recollidas de firmas contra a “irresponsabilidade” do goberno local.

ÚLTIMAS

Un veciño de Zamora participa na ruta de 4×4 de Becerreá con matrículas falsas

A Garda Civil investiga a un veciño de Zamora de 37 anos como suposto autor dun...

Interceptado en Lugo un condutor que cuadriplicaba a taxa de alcol permitida e circulaba en sentido contrario

A Policía Local de Lugo interceptou este pasado fin de semana a un condutor que circulaba en...

Candia presenta 50 propostas para incluír nos próximos orzamentos do Concello

A portavoz do Grupo Municipal Popular de Lugo, Elena Candia, presentou unha batería de 50...

Localizado en Lugo un mozo fuxido dun centro de menores

A Policía Local de Lugo localizou o pasado domingo, día 12 de xaneiro, a...