A zona do centro da cidade que comprende as rúas Montevideo, Ramón e Cajal, Quiroga Ballesteros, Amor Meilán e o tramo de Bolaño Rivadeneira entre o número 19 e a Praza de Ferrol porase a disposición da cidadanía este venres, día 16, dando desta forma por terminadas as obras de peonalización desta zona do centro histórico.
Así o anunciou o Concello de Lugo nun comunicado, onde explica que, aínda que o groso das obras están terminadas, quedan intervencións por realizar, “que son compatibles co uso normal da rúa”, como a instalación dalgúns elementos de mobiliario urbano como balizas, papeleiras, bolardos e aparcadoiros para bicicletas, así como axustes menores en parterres e alcorques.
Realizaranse tamén reforzos estruturais e a aplicación de pintura en acabado tipo aceiro corten, así como axuste de tapas, a limpeza xeral da vía ou a instalación dun portalón nunha parcela de Montevideo, actualmente utilizada como zona de provisión.
Só queda pendente a intervención nun punto concreto da rúa Bolaño Rivadeneira, entre o número 19 e a Ruanova, onde se localizaron recentemente restos arqueolóxicos da época romana.
Como indica o Consistorio, a actuación neste ámbito está a se desenvolver baixo a supervisión da dirección arqueolóxica da obra, “respectando en todo momento os protocolos establecidos para a documentación, estudo e protección deste tipo de elementos patrimoniais”.
A portavoz do Goberno local, Ana González Abelleira, asegurou que non se espera que se dilaten moito estes traballos “e que non vai supor unha alteración grave no proxectado”. Tamén indicou que o Concello estuda a opción de reclamar unha indemnización á empresa concesionaria das obras polo atraso das mesmas.