InicioCulturaEstes son os artistas premiados no Certame de Arte de Begonte

Estes son os artistas premiados no Certame de Arte de Begonte

O xurado do XXIX Certame Galego de Arte de Begonte amosouse satisfeito polo número, o abano temático e o "excelente nivel" das obras presentadas

PUBLICADA O

- Advertisement -

O xurado do XXIX Certame Galego de Arte de Begonte, auspiciado polo centro cultural José Domínguez Guizán, fallou o primeiro premio a favor do pintor lucense Manuel Ángel Carreira Varela por Máis aló desta vida. A máxima distinción desta convocatoria anual, enmarcada no 47.º Nadal en Begonte, está dotada de 1.500 euros e unha estatuíña de Sargadelos.

Este tribunal reuniu en Lugo á directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, e mailos pintores Manuel Gulín e Gonzálo Sánchez Folgueira-Zalo, co secretario Xulio Xiz en representación da entidade promotora, sen voz nin voto. Acordaron manifestar “a súa satisfacción” pola cantidade de obras presentadas, ata 25, cun abano de temas e estilos “de excelente nivel”.

Eduardo Pérez Baamonde recibiu unha das mencións de honra | Xulio Xiz

Así, non quixeron deixar pasar a ocasión de salientar a obra da máis precoz dos participantes, Emma María Rego Eiroa, moza de quince anos de Viveiro, coa obra Morriña; ou das contribucións dos máis veteranos, Carmen Lolo Pombo e Luis Maceira Crespo, “polo exemplo de dedicación e entusiasmo” pola arte “e as súas sempre excelentes aportacións”.

Canda o primeiro posto para Manuel Ángel Carreira Varela, o xurado concedeu cadansúas mencións de honra, acompañadas dunha estatuíña de Sargadelos, a outros dous artistas: Eduardo Pérez Baamonde, vilalbés residente en Cambados, e Manuel Carballeira Rivas, natural de Sistallo-Cospeito e veciño de Valdoviño.

'Aínda serra', de Manuel Carballeira, mereceu a outra mención de honra | Xulio Xiz
‘Aínda serra’, de Manuel Carballeira, mereceu a outra mención de honra | Xulio Xiz

A entrega de premios do Certame Galego de Arte de Begonte ‘José Domínguez Guizán’ efectuarase o vindeiro 26 de xaneiro, sábado, no decurso dos actos de clausura do 47.º Nadal en Begonte.

A produción artística que arrodea o Nadal trasládase a Vilalba e Lugo

ÚLTIMAS

Reabre o viaduto do Castro dous anos e medio despois do derrube

Galicia e Castela e León volven estar unidas pola A-6 dous anos e medio...

Detida unha parella na Ronda das Fontiñas por agredir aos policías que os identificaron tras un accidente

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron a un home e unha muller como presuntos autores...

Luz verde aos 22 millóns de euros do Plan Deputación 2025

O Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres, no seu Pleno ordinario, as bases...

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...