InicioLugo e contornaLugoA Deputación de Lugo reclama o arranxo da LU-651 no Courel...

A Deputación de Lugo reclama o arranxo da LU-651 no Courel e retirar sancións a concellos polo SAF

Segundo lembraron os socialistas, os concellos asumen unha parte moi importante do custo do SAF e a Xunta de Galicia debería aumentar o que lles está pagando, para que poidan prestar este servizo

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou unha moción presentada polo PSOE na que demanda á Xunta que se retiren as sancións aos concellos da provincia que tiveron problemas para cubrir a demanda do Servizo de Axuda non Fogar (SAF).

Así, cos votos en contra do PP e o apoio do seu socio de goberno, o BNG, deuse luz verde a reclamar que se arquiven os expedientes sancionadores abertos a de Triacastela, Samos, Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro.

Segundo lembraron os socialistas, os concellos asumen unha parte moi importante do custo do SAF e a Xunta de Galicia debería aumentar o que lles está pagando, para que poidan prestar este servizo. “Non creo que sexa a mellor maneira para axudar aos cidadáns, pór castigos no canto de medios”, afirmou o presidente da institución provincial, José Tomé, na súa intervención.

Estes expedientes sancionadores poden chegar a supor multas de ata 20.000 euros para uns concellos que teñen un 45 % da poboación maior de 65 anos, o que indica “o esforzo enorme que deben facer para cubrir este servizo esencial”.

Reclaman ademais que se abra un proceso de negociación coa Fegamp para modificar o financiamento deste servizo tendo en conta as necesidades dos concellos. Así, proponse subir de 12 a 20 euros o prezo da hora pagado pola Xunta e incrementar os servizos de valoración da dependencia para reducir as listas de espera.

O Pleno tamén aprobou unha moción dos socialistas para pedirlle á Xunta de Galicia que repare a estrada LU-651 no Courel e un plan integral de mellora para as vías de titularidade autonómica na provincia de Lugo. A iniciativa contou cos votos a favor do BNG e os votos en contra do PP.

Na súa intervención José Tomé criticou ao Partido Popular por “criticar as fochancas dos demais, a tardanza do Goberno en facer os viadutos do Castro, que xa están a funcionar porque se construíron en tempo marca, e, con todo, ten a estrada do Courel desde fai tres anos sen tocar”.

O colapso do viaduto, en marzo de 2022, derrubou un tramo desta estrada, pero segue sen facerse “o outro tramo que tiña que facer a Xunta desde hai máis de 15 anos entre Folgoso e Seoane, mentres a Deputación si acometeu os traballos que lle correspondían entre Pedrafita e Seoane”.

MOCIÓNS DO BNG

O Pleno aprobou dúas mocións do BNG, a primeira, aprobada por unanimidade, reclama á Xunta unha cobertura estable e continua das prazas de médicos dos centros de saúde de Riotorto e Ourol, despois das protestas das últimas semanas neses municipios en demanda dunha mellor atención sanitaria. De feito, en Ourol, os pacientes foron derivados ao centro de saúde de Muras, que tamén ten problemas de cobertura continuada na atención médica.

Na outra das mocións do BNG, aprobada cos votos dos dous socios de Goberno, ínstase á Xunta a garantir o acceso á vivenda cunha nova política social “ambiciosa e realista”.

PROPOSTAS DO PP

Por contra, foron rexeitadas as dúas propostas do Partido Popular. Na primeira, os ‘populares’ reclamaban a constitución dunha mesa de traballo que realice a repartición igualitaria dos medios do parque móbil nos concellos, “á vista das reiteradas queixas de alcaldes ante a falta de colaboración e posta a disposición destes elementos”.

Os deputados do PP tamén pediron que a Deputación inicie os trámites oportunos para ceder ao Concello do Incio o Casarón, para que se desenvolva un proxecto veciñal, “un inmoble de alto valor patrimonial, pero que PSOE e BNG deixaron abandonado, polo que agora conta con importantes danos estruturais”.

Os ‘populares’ lembraron que no pleno do Concello do Incio celebrado o 30 de decembro de 2024 acordouse por unanimidade solicitar a cesión do inmoble, así como unha axuda de 250.000 euros para o devandito proxecto.

Finalmente, no apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse polo estado de tramitación da axuda, anunciada en novembro de 2024, ao matadoiro de Sarria, de 50.000 euros anuais, e polos criterios aplicados por PSOE e BNG para financiar a compra dun supermercado por parte do Concello de Pol, ao que destinaron 105.000 euros.

Pediron tamén ao goberno provincial a colocación de medidas de seguridade na estrada provincial LU-P-1409, no Concello de Cervantes, e para o arranxo da estrada provincial LU-P-3103 ao seu paso pola parroquia de Santa María Maior, en Mondoñedo.

ÚLTIMAS

Primeiros traballos para Miguel Fernández: obras no centro histórico e a aprobación dos orzamentos

O novo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, fixo unha primeira valoración dos seus primeiros...

ALCER recibe os parabéns da Deputación por “mellorar a calidade de vida” das persoas con doenza renal

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, agradeceu á Asociación para a...

Detidos dous veciños de Lugo por supostas agresións ás súas respectivas nais

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron nas últimas horas a dous veciños da cidade, como supostos...

Miguel Fernández, novo alcalde de Lugo

Miguel Fernández converteuse este martes no novo alcalde de Lugo, o terceiro en dous anos,...