desdobramento e humanización do último tramo da avenida Infanta Elena estará completado antes de que acabe o ano. Así o anunciou o presidente da Deputación, José Tomé, que este venres asinou o contrato coa empresa adxudicataria das obras, Ovisa Pavimentos e Obras, SLU, a mesma que realizou as obras da fase anterior.
Mesmo desde a empresa avanzaron que poderían estar terminadas para as festas de San Froilán, en outubro. Coa firma deste contrato comezou o proceso de execución da obra, que se iniciará coa fase de reformulo para poder iniciar en abril os traballos, que ten un prazo de execución de oito meses.
A obra, que ten un orzamento de 1,3 millóns de euros, foi realizada en colaboración co Concello de Lugo, que se encargou de pór a disposición provincial os terreos na fase de expropiación, proceso que xa finalizou cun orzamento próximo aos 100.000 euros. A actuación realizarase entre a glorieta Garaballa de Arriba e o cruzamento coa de Benigno Rivera e dá continuidade ao realizado anteriormente entre esta mesma glorieta e a ligazón con Rolda Norte.
OBRA IMPORTANTE
“A través desta obra, non só estamos a responder ás necesidades actuais, senón que tamén estamos a nos anticipar ao futuro, creando espazos máis seguros e cómodos para os peóns, mellorando o transporte público e garantindo que Lugo estea preparado para os retos que se nos presentan”, afirmou Tomei.
Con estas palabras completou o presidente a descrición do proxecto de obra, que contempla dúas calzadas de 10 metros cada unha, con tres carrís en cada sentido de circulación, ademais dun carril bici de tres metros de ancho e dúas beirarrúas de catro metros. Os 32,5 metros de ancho de plataforma e 466 de longo completaranse cunha mediana axardinada.
Tomé asegurou que a obra inclúe o mobiliario urbano e a dotación dos servizos de abastecemento, saneamento e iluminación, “un logro necesario para a cidade de Lugo”, indicou engadindo que “non só significará unha trasformación estética, senón que tamén ofrecerá seguridade e comodidade a todos os usuarios.
BOA NOTICIA PARA LUGO
A alcaldesa, tamén presente na firma, agradeceu ao presidente da Deputación “o seu firme compromiso con Lugo cunha actuación que favorecerá o modelo de cidade que defendemos, un Lugo aberto, onde se gañan espazos públicos para a veciñanza”. Asegurou que “a miña man sempre estará tendida e a colaboración será total para todos os proxectos que melloren a cidade”.
“É unha excelente noticia para Lugo e para os veciños e veciñas, porque, ademais de mellorar a seguridade e a mobilidade, tamén contribuirá ao progreso da comunicación dunha zona estratéxica para Lugo, tanto a nivel industrial como comercial”, concluíu Alvarellos.