InicioSociedadeDe Arxentina a Lugo por amor e polo ilusionismo: a historia de...

De Arxentina a Lugo por amor e polo ilusionismo: a historia de Lore Lavand

Participará nunha nova edición do festival Galicia Ilusiona con parada na cidade

PUBLICADA O

- Advertisement -

Deixarías un traballo estable por ser ilusionista? Ilusionista? Por dedicarse ao mundo da maxia? Pois iso foi o que fixo Lorena Lavandeira, unha arxentina nada en 1979 en Bos Aires, afincada desde fai 16 anos en Lugo. “Víñenme a Galicia, incriblemente, por amor”, confesa, xa que namorou doutro ilusionista, o coñecido mago Rafa, que agora é o seu marido. O mundo do ilusionismo non era alleo a ela, xa que naceu e medrou vivindo nel, pero observándoo sempre desde fóra. “A miña vida enteira estivo relacionada con isto porque o meu pai era un mago coñecido a nivel mundial, René Lavand, e fun mamando este arte”, conta. 

Con todo, Lorena non era consciente de que querría tamén dedicarse ao ilusionismo. Un punto de inflexión produciuse no 2006 cando acompañou ao seu pai por unha xira por España e Portugal e coñeceu ao que acabaría sendo o seu marido. “Namoramos e dous anos despois decidín deixalo todo en Arxentina e vir para Lugo e así formar unha familia”. Así, o contacto co ilusionismo seguía presente e sempre foi o seu soño ser “unha artista nun escenario facendo diferentes cousas relacionadas co mundo da arte”. 

Todo sonaba moi ben, pero ese soño de nena viuse apagado polas responsabilidades da vida cotiá: “Fun renunciando a ese soño da infancia”. Porén, vir a Galicia activou nela ese afán e comezou a estar máis en contacto co teatro, coa maxia, cousas nas que en Arxentina non prestaba atención “polo ritmo de vida”. Neste momento tivo claro que quería ser Lore Lavand, ilusionista.

“OS MEUS INICIOS FORON EN GALICIA ILUSIONA”

Recoñece que levaba moitos anos querendo preparar algo relacionado co ilusionismo, coa idea de realizar un número para galas duns dez minutos. Era unha idea que lle rondaba e que puido materializarse cando o seu “gran amigo” e tamén ilusionista, Dani Polo, lle propuxo participar no festival Galicia Ilusiona. “Agora xa é internacionalmente coñecido e no primeiro ano quixo que fixera un show duns 45 minutos e tiven que darlle unhas cantas voltas ante as dúbidas. Dixen, por que non? É co que levo soñando toda a vida e teño a oportunidade”, relata e foi cando rematou o seu contrato laboral nun supermercado cando dixo: “este é o momento”. 

Preparou o número de maxia que tanto tempo soñara con facer e, así, os seus inicios foron no festival Galicia Ilusiona. A día de hoxe se mira cara atrás, pensa: “Por un lado como tiven o valor de facer iso, de renunciar a un traballo fixo e apostar por un soño impredecible. Por outro, sinto satisfacción cada vez que estou no escenario, o lugar no que sempre quixen estar”. Describe unha sensación de liberdade e de recompensa que nunca xamais outro traballo lle deu. “Como punto a favor, cando desfrutas do que fas, o traballo aínda que sexa duro, resulta moito máis liviano”, expón. 

Pero, como é realmente dedicarse ao ilusionismo? “Vivimos padecendo ser autónomos, pero aceptamos día a día o desafío, non nos aburrimos, non nolo podemos permitir”, asegura Lore. É un mundo no que é fácil caer na rutina e na repetición “porque a maxia de por si sempre xera algo no espectador”. Porén, ela fixo teatro como afeccionada e aprendeu a como moverse para chegar ao público e transmitir algo máis aló do propio turco. “Creo que me dá un plus, gústame moito falar e a miña intención é que a persoa marche con algo máis ca o asombro”, comenta e engade que lle gusta investigar “as emocións máis profundas” e reflexionar sobre “certas cousas da vida”. Así, Lore Lavand caracterízase como ilusionista en combinar a palabra co propio efecto en si. 

“GALICIA É A ÚNICA COMUNIDADE QUE RECOÑECE A MAXIA COMO UN ARTE ESCÉNICO”

É Galicia un bo lugar para dedicarse ao ilusionismo? “Penso que aquí estamos nunha posición de privilexio como ilusionistas, xa que é a única comunidade que recoñece a maxia como unha arte escénica”. Lore explica que no resto “do mundo case” non está considerada e que aquí as entidades públicas tamén apostan por este ámbito. “Non é tan difícil como pode ser noutras partes”, manifesta. 

Nesta liña expón que o público galego está bastante acostumado a ver maxia e que normalmente a asistencia a galas ou festivais é boa: “Incluso na rúa, hai veces nas que o clima non acompaña e a xente estar vendo a actuación cos paraugas porque desfrutan”. Lore pensa que o feito de que non marchen e aguanten a chovia é sinónimo de agradecemento cara ao artista. “A min gústame moito o público galego”, di entre risas. 

Ser ilusionista pasa por traballar en calquera sitio e ter en fronte a diversidade de xente. Poden actuar desde en comuñóns ata en galas internacionais; ou para nenos ou adultos. “Tes que ir aprendendo a adaptarte, tal e como fai o camaleón, cambia de cor dependendo da ocasión”, compara. Tamén fai fincapé no traballo que non se ve no número de maxia, en todo o que hai detrás: ensaios, composicións, elementos de innovación… “Aínda que as veces non traballas todos os días, estás constantemente coa cabeza pensando en que podes facer”, apunta. 

Menciona que aínda existen estereotipos arredor do mundo do ilusionismo como o que leva a moita xente a pensar que é “só para nenos”. Contradice esta teoría xa que permite unir a xeracións, independentemente da idade, nun mesmo sentir coa “sensación que tiñamos de nenos”. Como outro punto, destaca, iso de “vou descubrir como o fan porque estes a min non me enganan”. Ese pensamento é un erro, exemplifica, porque cando un vai ver un tributo a Queen xa vas agardando que non é el o que esta aí, pero deixaste levar polo atractivo de quen fai a homenaxe. “Creo que na maxia deberíase de facer o mesmo, permitirnos crer que o que estamos vendo é verdade”, reivindica e menciona o tamén estereotipo, cada vez menos extendidode considerar que as artes escénicas non son un traballo.

LORE LAVAND NESTA EDICIÓN DE GALICIA ILUSIONA

Actualmente atópase inmersa na preparación do que será o seu número, na nova edición do mencionado festival Galicia Ilusiona. Amósase ilusionada e afortunada de participar con artistas mundialmente recoñecidos e con levar algo que deixe o seu estilo. “Quero deixar máis ca un efecto de maxia e tamén será intimamente unha homenaxe ao meu pai, como a persoa que marcou a miña vida”, conta. O seu proxenitor e inspiración faleceu no 2015 e era consciente de que “Lore tiña gargo”, que vén sendo “ter anxo”, que destacaba por ter algo que el descoñecía: “Creo que nunca se imaxinou que eu acabaría sendo ilusionista e, lamentablemente, non chegou a velo”. 

Este festival, en palabras de Pedro Bugarín, ilusionista e director e productor, xunto ao tamén ilusionista, Dani Polo, “reúne aos mellores e máis premiados magos do mundo en Galicia”. Naceu fai tres anos dunha proposta á Xunta de Galicia que se fixo realidade e permitiu traer ilusionistas de lugares como a India, China ou Estados Unidos ás sete cidades galegas para deleitar ao público. “Este ano haberá sorpresas, como nos anteriores, traemos un mimo que tamén é mago e un ilusionista mestre na manipulación de cartas”, adianta Pedro e fai fincapé no número de “maxia poética a cargo de Lore Lavand”. Foi o ano pasado cando el e Dani decidiron que tiña que estar “100% nesta edición” porque resultará moi especial e poñerá a pel de pita. Hai entradas dispoñible nas sete cidades galegas e os prezos van desde os 15 aos 18 euros segundo a zona no teatro. 

Unha cita para os amantes do ilusionismo, desas viaxes dun obxecto dun lugar ao outro, desa persoa que aparece ou desaparece nun espazo pequeno, desa man vacía na que aparece algo… “Podemos facer case de todo, en ocasións atópaste cun político que che di ‘poderías facer desaparecer a…’ Lamentablemente non é posible”, conclúe Lore entre risas. 

ÚLTIMAS

Monterroso recibe aos migrantes cunha foliada

https://www.instagram.com/reel/DAYw3ThMwpp/?igsh=MTd1b2Y1Z3M2N2g3Zw%3D%3D

José Tomé manifesta o seu rexeitamento á planta de Coeses: “Nós queremos industrias na provincia, pero non así”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, manifestou este xoves en Lugo o seu firme...

Lugo terá o primeiro cemiterio público de mascotas de Galicia

A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, anunciou que o Goberno...

Sentenza do TSXG anula mina en Muras: denuncian corrupción na Xunta

A Fundación Montescola e o Sindicato Labrego Galego (SLG) van denunciar ante Fiscalía a...