InicioMemoria HistóricaO BNG condena o "branqueamento da extrema dereita" na conmemoración do Día...

O BNG condena o “branqueamento da extrema dereita” na conmemoración do Día da Galiza Mártir

"Temos unha débeda moral con todos estes homes e mulleres aos que lembramos hoxe porque grazas a eles hoxe podemos exercer calquera ideoloxía política con liberdade. Se non fóra por eles aínda estariamos neste país naquela 'Longa noite de pedra'", dixo o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo e deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Membros de todos os grupos políticos con representación municipal participaron este mércores en Lugo nun acto institucional de homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo e no que BNG fixo un chamamento a “facer un cordón sanitario á extrema dereita” e a pór freo ao “branqueamento das ideoloxías” que estas forzas representan.

“Temos unha débeda moral con todos estes homes e mulleres aos que lembramos hoxe porque grazas a eles hoxe podemos exercer calquera ideoloxía política con liberdade. Se non fóra por eles aínda estariamos neste país naquela ‘Longa noite de pedra'”, comezou dicindo, parafraseando ao escritor Celso Emilio Ferreiro, o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo e deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro (BNG).

Durante a súa intervención, previa á lectura dun manifesto redactado pola Fundación Alexandre Bóveda (político galeguista fusilado o 17 de agosto de 1936 e en cuxo recordo se celebra cada ano o denominado Día da Galiza Mártir) Castro asegurou que é unha “obrigación” de todos os demócratas “marcar á extrema dereita como fascismo” e deixar de branquear unhas ideoloxías que, incidiu, “levaron a asasinar a moitas persoas simplemente por pensar diferente”.

“En memoria destes homes e mulleres hai que dicir claramente que volver traer o racismo, é fascismo; que estar en contra das mulleres e negar a violencia de xénero, é fascismo; e que sinalar aos máis débiles como culpables de todo o que nos vai mal, é fascismo”, proclamou Efrén Castro.

Tras a alocución do vicepresidente da Deputación, tomou a palabra a concelleira de Turismo, Cultura e Promoción da Lingua, a tamén nacionalista Maite Ferreiro, que procedeu á lectura do citado manifesto ante a presenza do tenente de alcalde, Rubén Arroxo (BNG), a deputada no Parlamento galego, Montserrat Valcárcel (BNG) e os edís Ana Abelleira (PSOE), Antonio Ameijide (PP) e Cristina López (BNG).

“Seguimos mantendo viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus dereitos cun recordo especial a Rafael de Vega, lucense asasinado polo franquismo e cuxa memoria acaba de ser restaurada 88 anos despois”, manifestou, á conclusión dun acto institucionalizado polo Goberno local no ano 2020, a concelleira Maite Ferreiro.

HOMENAXE NO CEMITERIO DE SAN FROILÁN

Tamén se referiron este mércores desde o Goberno municipal á demanda elevada ao Concello por parte da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de instalar no cemiterio municipal de San Froilán, en Lugo, unha obra arquitectónica en recordo das vítimas do franquismo.

Unha petición, sinalou respecto diso a concelleira nacionalista, Cristina López, que será unha realidade “este ano”. “Xa temos a obra dun recoñecido artista. En breve presentaremos o esbozo dese lugar de recordo que ten que estar no noso cemiterio para todas as vítimas e para os seus familiares”, asegurou.

A obra, avanzou tamén a edila do BNG, ocupará unha zona do camposanto “de gran sensibilidade” respectando as características propias, os elementos patrimoniais e a harmonía arquitectónica do cemiterio para que o pobo de Lugo, concluíu, “poida honrar a todas as vítimas”.

ÚLTIMAS

Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali ou Guadi Galego, primeiros confirmados do cartel das festas do San Froilán

Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali, El Consorcio e, entre outros, Guadi Galego, únense ao...

Detido un septuaxenario en Vilalba por cravar puntas nas rodas de 19 camións dunha empresa de transporte

A Garda Civil de Lugo detivo a un septuaxenario como presunto autor dun delito continuado de danos por...

Arquivan a última peza da ‘Operación Pulpo’, a causa sobre irregularidades na Deputación de Lugo

A última peza da Operación Pulpo, composta por 62 tomos e que investigaba a...

Detido un condutor sen carné, positivo en alcol e drogas, tras fuxir do 092 circulando de forma temeraria en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron a un condutor de 52 anos de idade...