InicioEconomíaGreenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

PUBLICADA O

- Advertisement -

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de Lugo acolleu este mércores unha reunión con representantes do equipo directivo de Greenfiber (formado pola enerxética Greenalia e a multinacional lusa Altri), para dar a coñecer diversos aspectos vinculados ao proxecto Gama, que pretende a construción dunha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei.

A intención do encontro, apuntan desde a compañía, foi a de “mostrar a súa repercusión na dinamización económica da zona a través da creación dunha industria pioneira baseada na produción de lyocell, unha fibra téxtil de base celulósica e, por tanto, 100% biodegradable”.

Durante a presentación técnica, Bruno Dapena, director do proxecto, incidiu no obxectivo da compañía de trasladar á contorna de Palas de Rei o modelo da fábrica Biotek de Altri en Portugal, “que logrou integrar a convivencia coa comunidade e a xeración de riqueza”.

Ademais, destacou o valor do proxecto Gama para impulsar unha industria cunha tecnoloxía de produción pioneira “que permite valorizar en Galicia madeira que hoxe se está vendendo fóra da comunidade e aspira, nun futuro, a terminar de pechar o ciclo coa reciclaxe da industria téxtil”.

O “elevado nivel de esixencia ambiental” foi outro dos apartados da charla, tanto desde o punto de vista de emisión de partículas como do tratamento da auga, que “se devolve na súa práctica totalidade ao río sen alterar as súas condicións actuais”. “O noso compromiso e a nosa tecnoloxía permitiunos ir máis aló do que marca a lei”, dixo o directivo.

O capítulo da xeración de emprego e as políticas de formación foi abordado por Olga López Arias, responsable de Recursos Humanos de Greenfiber, que destacou que o compromiso da empresa co seu persoal é “sempre favorecer a formación e empregabilidade da comunidade onde está asentada”, polo que priorizarán “a contratación de profesionais da zona e do resto de Galicia, captando talento e mozos coa capacitación e experiencia necesaria para levar a cabo o proxecto, e ofrecendo posibilidades de formación a aqueles que nestes momentos non a posúen”, dixo.

Segundo dixo a directiva aos empresarios, o persoal proxectado para facer fronte á capacidade produtiva de Gama rolda os 500 empregos directos e uns 2.000 empregos indirectos, así como máis de 4.000 empregos en momentos pico durante a edificación da fábrica.

Pola súa banda, o presidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo e secretario xeral da CEL, Jaime Luís López Vázquez, e o resto de empresarios que asistiron ao encontro interesáronse por cuestións como a empregabilidade local ou as previsións de crecemento na capacidade de produción da fábrica de Palas de Rei.

+ posts

ÚLTIMAS

Deteñen dous homes por roubo de cable na Rolda da Muralla

  Segundo informa a Policía Local nun comunicado, un cidadán alertou ao 092 de que...

O PP de Lugo acusa ao BNG de “desgoberno” nas contas municipais no anterior goberno local

O goberno municipal de Lugo elevou este martes o ton da confrontación política cos...

Detido un home por insultar e golpear a un axente da Policía Local de Lugo

Segundo informa a Policía Local nun comunicado, os axentes atopábanse de patrulla cando foron...

O PSOE de Lugo alerta que o Arde Lucos non ten Plan de Autoprotección

  O concelleiro do Grupo Municipal Socialista Jorge Bustos expresou hoxe a súa profunda preocupación...