InicioSociedadeA Deputación de Lugo volve acusar aos bombeiros de non cubrir os...

A Deputación de Lugo volve acusar aos bombeiros de non cubrir os servizos mínimos e defende a súa xestión

Terceiro día consecutivo de peche no parque de bombeiros de Vilalba.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Deputación de Lugo volveu a acusar os bombeiros do Consorcio Provincial de non cubrir os servizos mínimos e de “antepor os seus intereses aos da cidadanía”, mentres defende a xestión da institución provincial durante os últimos 12 anos. O Consorcio comunicou que o parque de bombeiros de Vilalba permanecerá pechado este sábado por terceiro día consecutivo porque “só se presentaron dous efectivos dos catro convocados”.

Ante isto, a Deputación que preside o socialista José Tomé, defende que o Consorcio ten “os cuadrantes perfectamente organizados dos seis parques de bombeiros para que poidan prestar servizo os 365 días do ano. Por tanto, explica, “os peches non son consecuencia dunha mala xestión, senón da decisión dos bombeiros de non cubrir os servizos mínimos”.

De feito, sinala que por mor da folga o absentismo laboral “disparouse” e, no caso do parque chairego, “a metade do persoal colleu a baixa e xa renunciaron catro bolseiros denunciando o ambiente de presión que sofren para que non se cubra o servizo”. Ademais, asegura que, “por regra xeral”, en todos os parques “néganse a facer horas extras pola folga, collen baixas, auséntanse ou se acollen á folga cando se lles comunica que teñen que desprazarse a outro parque para cubrir servizos mínimos e non se presentan cando teñen que facer suplencias”.

“En 12 anos, os parques comarcais de bombeiros da provincia nunca pecharon, e iso demostra que, se pechan agora, é pola estratexia orquestrada polos bombeiros desde o inicio da folga para boicotear a prestación do servizo, antepondo os seus propios intereses aos da cidadanía”, conclúe nun comunicado emitido este sábado. Este novo comunicado do goberno provincial sucede a outros dous emitidos o xoves e o venres nos que advertía ao colectivo de bombeiros, que está en folga indefinida desde o pasado mes de xuño, que acudiría á vía xudicial “de producirse algunha consecuencia”.

O COMITÉ VE “AMEAZAS” E “COACCIÓNS”

Neste contexto, este mesmo venres, o comité de folga dos bombeiros comarcais enviou outro comunicado no que acusa á Deputación de “tentar condicionar o lexítimo dereito de folga” con estas “ameazas” e desvía a responsabilidade. “Son os consorcios provinciais, non nós, os que non prestan os seus servizos, pois a responsabilidade de garantir os servizos mínimos é súa, a través dun persoal que poida traballar en condicións dignas, non de precariedade nin á conta de verse obrigados a facer horas extra“, afirma o comité.

Ademais, os representantes sindicais advirten que hai tanto persoal de baixa “precisamente polas presións por parte da administración para facer extras obrigatorias, distribucións con menos de cinco días e extensións horarias excesivas, que impide a conciliación coa vida familiar”. Para o comité, se hai “algún tipo de acusación xudicial” debería ser contra os consorcios, porque non están a prestar “con normalidade un servizo imprescindible da cidadanía”. Finalmente, advirte á Deputación de que a súa actitude “non é a máis adecuada” para pór fin ao conflito que se estende case medio ano.

ÚLTIMAS

O Arde Lucus celebrará o seu 25 aniversario do 18 ao 21 de xuño de 2026 cunha volta aos seus inicios

O Arde Lucus de Lugo celebrará o seu 25 aniversario do 18 ao 21 de xuño de...

Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali ou Guadi Galego, primeiros confirmados do cartel das festas do San Froilán

Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali, El Consorcio e, entre outros, Guadi Galego, únense ao...

Detido un septuaxenario en Vilalba por cravar puntas nas rodas de 19 camións dunha empresa de transporte

A Garda Civil de Lugo detivo a un septuaxenario como presunto autor dun delito continuado de danos por...

Arquivan a última peza da ‘Operación Pulpo’, a causa sobre irregularidades na Deputación de Lugo

A última peza da Operación Pulpo, composta por 62 tomos e que investigaba a...