InicioLugo e contornaA Audiencia acolle o xuízo contra Alcor Seguridade este martes

A Audiencia acolle o xuízo contra Alcor Seguridade este martes

O responsable e os administradores da empresa enfróntanse a penas de entre tres anos e tres meses e dous anos e medio de cárcere, máis multas

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Audiencia Provincial de Lugo volverá acoller esta semana, a partir do martes, o xuízo contra o responsable e administradores da empresa Alcor Seguridade, acusados de vulnerar o dereito dos seus traballadores obrigándolles a encadear “xornadas maratonianas” e a asinar folios en branco en lugar de contratos de traballo.

Este xuízo xa estaba sinalado para celebrarse o pasado mes de xuño, pero a folga de funcionarios da Administración de Xustiza fixo que houbese que aplzarlo ao ser imposible citar a 25 do centenar de testemuñas programadas, polo que este luns decidiu suspenderse. Na causa están acusados un directivo desta empresa, con domicilio fiscal en Monforte, e outro catro administradores, e figuran como perxudicados 35 empregados.

As vistas están fixadas entre o martes e o venres, pero prevese que continúen a seguinte semana. Segundo recolle o escrito de acusación fiscal, desde 2011 e ata 2015, o empresario empregou nesta compañía –que ademais de en Galicia, prestaba os seus servizos en Canarias e en Asturias– a “múltiples traballadores aos que, abusando da situación de necesidade na que se atopaban, impúñalles e mantiña unhas condicións laborais” ilegais, “vulnerando os dereitos mínimos” dos traballadores.

Entre outras cuestións, o Ministerio Público acúsalle de impór aos seus empregados “longas xornadas laborais sen respecto aos descansos establecidos”, o que cualifica de “xornadas maratonianas”. Algún dos traballadores, apunta o fiscal, chegou a encadear quendas de 24 horas durante 15 días. Ademais, abonábanlles as horas extras “a un prezo significativamente inferior ao estipulado” e a partir das 200 horas extras mensuais, sen pluses nin por nocturnidade nin por día festivo.

Fiscalía recolle tamén que os traballadores eran obrigados a “asinar documentos en branco” en lugar dun contrato de traballo, co que descoñecían as súas condicións e non realizaban os cursos de reciclaxe e formación obrigatorios por lei. Sobre este último punto, un dos acusados chegou a entregar en dependencias policiais xustificantes de asistencia a cursos falsificados, despois dunha inspección.

O fiscal considera estes feitos constitutivos dun delito contra os dereitos dos traballadores, do que considera autor ao directivo e cooperadores necesarios ao resto de administradores. Pide para eles penas que van desde o tres anos e tres meses aos dous anos e medio de cárcere e o pago de multas, así como que abonen aos traballadores prexudicados unha indemnización de 6.000 euros.

+ posts

ÚLTIMAS

Falece Olga López Racamonde, edil socialista de Cohesión Social de Lugo

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Olga López Racamonde, faleceu este luns aos...

Activado un aviso amarelo por treboadas en zonas de Lugo

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou o aviso amarelo por treboadas nas provincias...

O PP de Lugo esixe á Deputación a integración dos 16 traballadores de Suplusa tras a sentenza do Supremo

O PP provincial de Lugo esixe á Deputación que "rectifique" e integre aos 16...

O BNG de Lugo inicia o proceso para elixir a súa candidatura ás municipais de 2027

O BNG de Lugo arrinca este luns o seu procedemento interno para designar a...