Un dos carteis do Concello de Lugo cos que declara que a cidade está “libre de violencias machistas” apareceu vandalizado este mércores, concretamente coa palabra “machista” tachada.
A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, condenou os feitos a través da súa conta de Twitter. “Unha vez máis temos que lamentar un acto vandálico na cidade vinculado co negacionismo da violencia de xénero, ideario no que están instalados os partidos da dereita”, lamentou.
Comentou ademais que “mentres se blanquean este tipo de violencias polo mero feito de ser mulleres, só neste mes de xullo asasinaron a oito mulleres”. “Todo o que non sexa loitar contra a violencia machista é ser cómplice da mesma”, concluía.