O Concello de Lugo adxudicará este mércores un contrato por un total de 287.955 euros para reparar os problemas estruturas exteriores e interiores do auditorio, “derivados de deficiencias construtivas e da falta de mantemento”. As obras prevén un prazo de execución de catro meses.
Con todo, a Administración local sinalou nun comunicado que reclamará este importe á Xunta de Galicia como “responsable inicial da deterioración da edificación”, desde a finalización das obras en 2016 ata que se entregou formalmente ao Concello en 2020.
Ademais, o goberno local lembrou que “xa durante o acto de recepción, tentouse entregar ao ente autonómico os informes dos técnicos municipais, onde se daba conta dalgúns fallos advertidos nas dúas únicas visitas realizadas”.
Nesta liña, destacou que “os documento se fixeron chegar igualmente” e que a deterioración que se atopou “foi superior ao esperado debido a que a Xunta non realizara ningún labor de conservación do inmoble e todas as garantías para poder facelo caducaran”.
O Concello indicou que, os estudos levados a cabo polos técnicos municipais, cuantificaron máis de 200 danos. Así, o contrato que se adxudicará este mércores a Montaxes Metálicas Ingalux permitirá arranxar os danos de cubertas, fachadas, estruturas e carpintaría, entre outros.
Así mesmo, a Administración local reservou unha segunda partida para os traballos correspondentes á urbanización do exterior do auditorio, que nunca estivo aberto ao público, para mellorar a accesibilidade e enriquecer os espazos para levar a cabo eventos ao aire libre.