InicioCulturaGuitiriz honra este venres a herdanza poética de Díaz Castro

Guitiriz honra este venres a herdanza poética de Díaz Castro

O aniversario do falecemento do poeta vilarego e da creación da agrupación Nova Poesía Guitirica é pretexto para un concerto de Xardín Desordenado

PUBLICADA O

- Advertisement -

De Trinque levará este venres (21.00 horas) un concerto con trasfondo poético á Casa Habaneira de Guitiriz. O certame conta coa participación de Os Vilares, Lareira de Soños, Nova Poesía Guitirica e CulturaliaGZ, e será o primeiro dun programa de novidades artísticas, literarias e musicais da Terra Chá. A actuación de Xardín Desordenado será de balde para quen desexe asistir.

A data escollida agocha dúas razóns. Este martes foi o cabodano da morte do poeta e traductor vilarego Xosé María Díaz Castro, finado en 1990, e recoñecido en 2014 no Día das Letras Galegas. No vixésimo quinto aniversario do seu pasamento reuniuse por vez primeira, na igrexa dos Vilares, a cerna do que hoxe é Nova Poesía Guitirica, nun recital que congregou a poetas do lugar, de Santa Mariña, Guitiriz ou Labrada.

Aquel grupo circunstancial pasou a ser estable e foi aumentando no tempo, como lembra Antón Tenreiro. Neste 2018, a homenaxe conxunta terá lugar na Casa Habaneira, que albergará un concerto de Xardín Desordenado. O grupo ten musicado aos poetas sobranceiros de Galicia, cun repertorio que inclúe a chairegos coma Darío Xohán Cabana, Manuel María ou o mesmo Díaz Castro.

A estrea do programa cultural De Trinque será un novo escenario para a xira dos vigueses, que leva por nome A Victoria da luz, en memoria de María Victoria Moreno, protagonista do Día das Letras Galegas 2018. A presentación do disco de Xardín Desordenado implica un repaso da traxectoria de seu, que comezou en 2011. “É outra maneira de escoitar poesía, que non sexa só recitada”, indica Tenreiro.

Xosé María Díaz Castro | Consellería de Cultura
Xosé María Díaz Castro | Consellería de Cultura

A tradición poética de Guitiriz segue viva nas novas xeracións. “Sorprendeunos en 2015, cando comezamos a buscar, que apareceu unha rapaciña de Santa Mariña, Fátima Fernández, que tiña gañado algún deses premios que convocaba a Asociación Cultural Xermolos para o Festival de Pardiñas”. Canda ela, autores con obra xa publicada.

É o caso de Luz Campello, “que ten dous libros editados xa, Do corazón da terra, e outro moi exitoso, do cal musicaron un poema, Inventario do prohibido”; de Xosé Antonio Cascudo, nativo dos Vilares, “que tiña xa sacado un libro, e que gañara un premio da Xunta de Galicia”; ou de Jaki Quintela, con Delta, editado por Xermolos.

“A partir de aí –explica Tenreiro– foise sumándose máis xente, non estritamente de Guitiriz, tamén da comarca, coma Martiño Maseda”. Inmediatamente, o grupo entrou en contacto con outras agrupacións de Chantada ou Betanzos, “e ao final creouse un pulso poético entre todos, con recitais, inicitivas diversas, e que a través de CulturaliaGZ edita poemarios dixitais”.

Tenreiro lamenta o fracaso do micromecenado para salvar a casa de Díaz Castro, nos Vilares. O inmoble pasou a Xermolos, depositaria do legado do autor. “Para unha asociación sen ánimo de lucro é unha honra dende o punto de vista cultural, pero un marronazo porque sacar adiante iso esixe cartos que non se teñen”. O crowdfunding levaba por obxectivo mínimo tellar a vivenda, para evitar un deterioro meirande.

“Pero os cartos non chegaron. En Xermolos están doídos pola falta de compromiso das administracións con algo tan valioso, que permitiría centralizar iniciativas culturais e patrimoniais arredor da obra de Díaz Castro”. A cuestión do financiamento está nun impasse. “Chamábanlle A casa da xente, e o pretende ser, un centro aberto vencellado á poesía e á natureza. Serviría para recuperar un lugar que non o está a pasar ben”.

Fuxan os Ventos: «María Victoria Moreno foi parte desa xente que entra na idea que este grupo ten do país»

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...