A Policía Local de Lugo denunciou un individuo por impedir o paso dun vehículo policial na zona centro da cidade, así como insultar a axentes, e a outro home por interporse e entrar no coche da patrulla.
Segundo relatou a Policía Local, na noite do pasado sábado ao domingo, axentes do Grupo Operativo Nocturno denunciaron dous individuos cando un deles se cruzou diante do vehículo policial e lle impediul o paso e, cando un dos axentes descendeu para falar con el, foi recibido con insultos.
Ademais, cando os axentes trataban de identificar a este individuo, outro mozo interpúxose, segundo o relato policial, e chegou a introducirse na parte traseira do vehículo policial. Ambos foron trasladados a dependencias policiais, onde se produciu a súa identificación. Tras iso, foron denunciados por infraccións á Lei de Seguridade Cidadá por menosprezo aos axentes da autoridade e negativa a identificarse.
SEN PAGAR
Así mesmo, na mesma noite do sábado axentes do Grupo Operativo Nocturno foron requiridos nun local de hostalaría da rúa Rafael de Vega, onde unha persoa non pagaba a conta. Unha vez no local, os axentes puideron pescudar que se trataba dun grupo de catro persoas, tres das cales se ausentaron tras a cea, cuxo importe ascendía a 105 euros, e unha quedou para facerse cargo do pago.
Ao pasar o cartón non permitiu o pago, destacan as mesmas fontes policiais, polo que o encargado do establecemento acompañou á muller a un caixeiro próximo, onde tampouco lle permitiu extraer diñeiro, ante o cal, sinala a Policía Local, mostrou a súa “estrañeza” porque dixo que lle acaban de abonar o ingreso mínimo vital.
Ante esta situación, os axentes procederon á identificación das partes implicadas e a muller quedou en regresar ao día seguinte para efectuar o abono en metálico.
OUTRAS ACTUACIÓNS
Na noite do sábado a domingo, a Sala do 092 recibiu queixas por ruídos procedentes dun local da rúa Nóreas. No lugar axentes municipais comprobaron que se trataba dun grupo de 15 persoas que consumían bebidas e con música con volume alto. Ante a presenza dos axentes, apagaron a música e cesaron as molestias.
Ademais, sobre as 6,10 horas da mesma noite axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio denunciaron un local de lecer nocturno, situado na Rolda da Muralla, por exceder o horario de peche, ao atoparse aberto ao público.
Tamén na noite do sábado axentes municipais realizaron acta de denuncia a un local de lecer nocturno na rúa Galicia porque estaba aberto ao público ás 5,32 horas cunhas 50 persoas no interior que consumían bebidas e con música en funcionamento.
Doutra banda, na mañá do domingo axentes da Policía de Barrio realizaron acta denuncia a un local da rúa Tui por permitir aos clientes saír ao exterior coas consumicións, “actividade prohibida pola normativa municipal”, subliñan as mesmas fontes, e que “incide gravemente na tranquilidade e descanso veciñal”, ao “congregarse persoas na vía pública e permanecer na mesma “vociferando e cantando”.
PELEXA
Finalmente, durante a noite do domingo ao luns, sobre as 2,00 horas, varias patrullas do Grupo Operativo Nocturno, apoiadas pola Unidade de Atestados, acudiron á Praza de Augas Férras, fronte a un local de hostalaría, porque se recibiu aviso dunha pelexa entre varias persoas.
Unha vez no lugar, axentes comprobaron que se trataba de tres homes e unha muller que tentaba separalos. Os policías procederon a identificar aos implicados e deixaron constancia da actuación, xa que “ningún deles presentaba lesións relevantes” e tampouco desexaban presentar denuncia.