InicioSociedade"O antixitanismo afecta a nosa saúde mental e condiciona a toda a...

“O antixitanismo afecta a nosa saúde mental e condiciona a toda a nosa vida”

LugoXornal fala coa activista Ruth León ás portas dun novo Día Internacional do Pobo Xitano.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un oito de abril do ano 1971 aconteceu en Londres a primeira reunión de representantes xitanos de todo o mundo. Alí oficializouse a bandeira e o himno do pobo xitano, reivindicouse a súa lingua, o romaní, e honrouse a loita dos antepasados fronte a todos os intentos de exterminio. 51 anos despois, esta data mantén vivo todo o seu simbolismo. “Igual que fixeron as nosas tías e tíos, hoxe tócanos a nós achandar o camiño ás xeracións futuras”, fala Ruth León. Ela leva ás súas costas máis dunha década de activismo feminista e contra o antixitanismo e é a presidenta da asociación de mulleres xitanas Phenjalipen, recén nada en Lugo.

Rodeadas de bandeiras xitanas e lemas feministas, o primeiro acto conxunto deste grupo de mulleres tivo lugar noutra data simbólica: a manifestación do 8 de marzo. “Montamos unha festa impresionante coas chicas que tocaban os tambores!”, lembra Ruth. Agora, xusto un mes despois, prepáranse para reivindicar en Lugo o Día Internacional do Pobo Xitano despois de anos sen conmemorarse. O himno Gelem Gelem (en galego, ‘Andei, andei’) resoará na Praza Maior de Lugo e as cores da bandeira iluminarán o edificio do Concello. “Estamos facendo historia, vimos para quedar”, sentenzan.

Como naceu Phenjalipen? Que significa esta palabra?

Phenjalipen, en lingua romaní, significa irmandade entre mulleres. Antes de que existira a palabra sororidade no feminismo, o pobo xitano xa tiña un termo para definir ese apoio e esa unión entre mulleres. Somos unha asociación que se rexistrou hai pouco, está conformada por mulleres xitanas de Lugo e naceu dunha demanda propia do pobo xitano.  Pasa moitas veces que nas asociacións os xitanos están como traballadores pero non en postos con poder de decisión. Neste caso, a xunta directiva conformámola integramente mulleres xitanas. Parecíame importante que existira esta asociación, e servir de complemento para o que xa están facendo outras. Nós queremos centrarnos no aspecto cultural, na educación, na visibilización e no feminismo.

Entendo que este é un día para conmemorar, pero tamén para reivindicar. Que demandas pon o pobo xitano enriba da mesa?

Levamos na pel moitos séculos de loita e o legado de miles de xitanos e xitanas que ao longo da historia resistiron á escravitude, aos intentos de xenocidio, ao antixitanismo. Unha das maiores reivindicacións é xustamente contra o antixitanismo que vivimos no día a día, unha lacra social que está afectando a nosa saúde mental e que condiciona toda a nosa vida.

Neste oito de abril tamén nos acordamos dos nosos primos e primas en Ucraína, que están sufrindo moitísimo antixitanismo. Temos contacto con xente de alí e cóntannos que os están atando ás farolas semiespidos, coa cara pintada de verde, porque se supón que son sospeitosos de roubos ou porque se negan a alistarse ao exército. Sepáranos das colas de refuxiados, agrédenos fisicamente nos pasos fronteirizos e reciben tratos discriminatorios nos propios pavillóns humanitarios. Atópanse atrapados no medio dunha guerra e dunha discriminación histórica.

O antixitanismo está naturalizado, e incluso institucionalizado na nosa sociedade. E afecta a todos os niveis: á hora de entrar nunha tenda, nos centros comerciais, nos centros de saúde, á hora de atopar vivenda ou emprego. Como te apelides Montoya, esquécete. E se te collen nun traballo vas ter que dar o 300% de ti, porque sempre estás no punto de mira.

Ti tes denunciado en varias ocasións a través das redes sociais situacións de discriminación que sufriches.

Levo moitas denuncias e follas de reclamación. O antixitanismo vivímolo diariamente. Por poñer un só exemplo, o outro día, en canto entrei no supermercado, a chica que estaba na caixa deu un botón e escoitouse un timbre. Aí dixen: ‘xa empezamos’. É fácil velas vir porque estas cousas seguen sempre un mesmo patrón que se repite tal cal. Entrei comprar e unha traballadora estivo perseguíndome por todos os corredores. Ao final, din a volta e díxenlle: ‘non fai falta que me persigas, non veño roubar. Deixasme mercar tranquila?’ Hai unha política de empresa, non escrita pero si verbal, pola cal no momento en que entre un xitano, o mandato é perseguilo. É un estigma que arrastramos dende hai moito tempo. De feito, a xente que me coñece sempre me di o mesmo, coma se fose un piropo: ‘é que ti non es xitana’. E eu contesto: ‘non son a xitana que ti cres que debería ser segundo os teus prexuízos e estereotipos. Pero eu son xitana, pariume un xitano e unha xitana’.

Como xestionas recibir este tipo de comentarios ou atoparte en situacións discriminatorias día tras día?

Son situacións que afectan á nosa saúde mental, que nos poñen nerviosos, tristes e que nos fan ata enfadarnos. A Asociación de Mulleres Xitanas de Euskadi Amuge realizou un ‘testing’ que demostrou que as mulleres xitanas sufrimos un trato discriminatorio cando imos de compras nun 90% dos establecementos. Eu estou cada dous por tres facendo pedagoxía con persoas a través das redes sociais, porque recibo infinitos comentarios racistas. Doe e pásalo mal. Pensas: ‘Sempre vou estar no punto de mira?’ Por ser xitanas somos as eternas sospeitosas, pero ata o día de hoxe ningún xitano declarou ningunha guerra. Iso di moito sobre nós. Somos un pobo pacífico que loita pola nosa liberdade. Unha das frases que levamos por bandeira é Sastipen thaj mestipen (saúde e liberdade).

Este antixitanismo nútrese de moitos estereotipos e tópicos sobre o pobo xitano. En que hai traballar para desterrar esta imaxe?

Para empezar, hai que reeducar a poboación. Escoitamos seguido que nós non nos integramos. Realmente esa palabra non está ben utilizada, porque nós somos galegos e lucenses coma calquera outra persoa. Non é cuestión de integrarse porque a cultura galega tamén é a nosa cultura. En todo caso, ao revés: son os payos os que teñen que aprender e entender aspectos fundamentais da cultura xitana porque así tamén van enriquecer a súa.

Sabemos que só o pobo salva o pobo. A nosa loita é constante, batallas toda a túa vida polo simple feito de ser xitana ou xitano. Precisamos que as administracións nos apoien, que os partidos políticos se acorden de nós á hora de elaborar políticas específicas para a poboación xitana. Neste sentido, celebramos que o Congreso aprobara a creación dunha subcomisión para lograr un Pacto de Estado contra o antixitanismo. Que o teñan en conta como un delito é un paso moi grande, estamos nun momento histórico.

Os medios de comunicación están á altura?

Os medios de comunicación tedes un labor moi importante, e non seguides o código que deberiades. Cando pasa algo na comunidade xitana, sempre tirades de palabras clave como altercado, liorta, etnia… Non fai falta poñer que é xitano, igual que cando é payo non o poñedes. Iso tamén é discriminación. Que sexa ou non xitano non suma valor á noticia. Todo o contrario: o traballo que levamos nós feito botádelo por terra cunha soa palabra. Téndese moito a xeneralizar. Por esa regra de tres nós tamén deberiamos pensar que todos os payos son uns etarras, evaden en paraísos fiscais ou son uns ladróns.

Notas que non interesa que se coñeza o voso camiño e loita ao longo da historia?

Non interesa. A nosa historia non se conta e a xente tampouco quere sabela. O xitano é un pobo que sufriu e foi perseguido dende sempre. A nosa orixe é da India, os nosos antepasados saíron fuxindo porque invadiron as nosas terras. Xa na península ibérica, os reis católicos prohibíronnos falar o noso idioma, o romanó, exercer os nosos oficios, vestir os nosos traxes. Separaban mulleres e homes para que non naceran máis xitanos. Ao longo da historia o que intentaron sempre foi a exterminación da poboación xitana. Na Alemaña nazi mataron máis de medio millón de xitanos, na época de Franco todas as leis antixitanas se reafirmaron. Noutros países esterilizan as mulleres xitanas en o seu consentimento. Son situacións moi fortes as que estamos vivindo.

A comunidade xitana ten detrás unha historia de persecución, pero tamén de resistencia a través de redes fortes de coidados e socorro mutuo. Que aprendizaxes estamos perdendo do pobo xitano entre tanto estereotipo?

Partimos da base de que temos unha cultura brillante, inclusiva, da que nos sentimos moi orgullosas. Unha herdanza que sempre dicimos que vale máis ca os corais e as pedras preciosas, que respecta a natureza, que flexibiliza as fronteiras, que sitúa as persoas maiores no centro e que defende as familias. Esta cultura é a nosa identidade. Somos persoas que, a pesar de todas as dificultades e fatigas que pasamos, sempre temos unha canción na boca. Se estamos tristes, podemos cantar un martinete, se estamos contentos, unha bulería… É iso que chamamos romiten – xitanidade -. A música tamén é unha inxección de ‘xitanina’.

Dentro do feminismo hexemónico tense unha visión estereotipada das mulleres xitanas e da comunidade en xeral?

Por suposto. É falso que os homes xitanos sexan máis machistas que os homes payos. Son homes. Vivimos nunha sociedade patriarcal e somos un claro reflexo diso. Podes ser unha muller xitana feminista e querer sacar o pano á hora de casar. Por que non? As feministas só poden ser dunha maneira? Sempre damos por feito que é unha obriga, pero son decisións que nós mesmas tomamos.

E penso que se as grandes feministas, as que teñen a voz, non nos nomean, non son feministas. Porque non só existe un tipo de feminismo, e ás mulleres racializadas adoitan esquecernos. Sempre digo o mesmo: o feminista non che quita o racista. Nós sentímonos máis representadas polo feminismo dunha muller afro, que polo feminismo dunha muller branca privilexiada. Están noutra onda, loitando pola conciliación, polo teito de cristal. Nós non sabemos o que é a conciliación porque non chegamos ás súas cotas, non pensamos en romper o teito de cristal porque estamos no chan, na lama. Sempre somos as grandes invisibilizadas. Non se nos menciona, non se nos ten en conta. A nosa discriminación é dobre: por ser muller e por ser xitana; e a veces triple, por non ter recursos.

A nosa loita é feminista, pero a nós non nos mata o machismo, mátanos o antixitanismo. É o que nos impide ter unha vida normal.

Que pedides ao movemento feminista hexemónico para sentirvos representadas

Nun principio, que nos escoiten. É fundamental que non falen das mulleres xitanas sen as mulleres xitanas. Nós somos as artífices do noso propio cambio. Non precisamos tutelas. Estamos aquí e somos mulleres xitanas capacitadas para defendernos a nós mesmas e para falar por nós mesmas. E pedimos que estean ao noso lado, nesta batalla que tamén é delas. Cando es unha persoa activista impórtanche as inxustizas, e se calas ante unha, es opresora. A miña loita non é só contra o antixitanismo e pola visibilidade das persoas xitanas, a miña loita tamén é contra a violencia de xénero, contra os recortes en sanidade, en educación… Son moitas frontes.

Para rematar, Ruth, ti tes traballado como mediadora intercultural. Cóntame en que consiste isto.

Estiven traballando durante cinco anos como mediadora e levaba un programa que se chamaba mediación familia – escola. Eu falaba coas familias dos nenos e nenas xitanas e tamén co profesorado, titores, orientadores… E dáballe clases de alfabetización ás nais e aos pais. Moitas veces os nenos sacaban malas notas porque non tiñan ningunha persoa referente dentro da casa que lles puidese axudar.

Eu tamén penso que é importante que os profesores teñan un vocabulario que se adapte a eses pais e nais, porque ao mellor non teñen a mesma formación. Pasa moi a miúdo: por norma xeral utilizamos moitos tecnicismos cando queremos dicir unha cousa, falamos moito pero non dicimos nada. E ás veces os pais non entenden, e por vergoña, non preguntan. O profesorado debe interesarse por ter unha comunicación fluída coa comunidade xitana.

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...