InicioCulturaEscapadas lucenses: a Suíza e Italia por 55 euros

Escapadas lucenses: a Suíza e Italia por 55 euros

Volveron as viaxes internacionais e aproveitamos a oportunidade de descubrir un novo estado (Suíza) e de regresar ao primeiro do estranxeiro no que vivín: a bella Italia

PUBLICADA O

- Advertisement -

Despois de 20 meses sen saír do país, había ganas de volver coller a mochila e descubrir terras descoñecidas. O pasado 31 de outubro fixen o petate rumbo á galeguísima Suíza (cantos dos nosos emigrantes no século XX remataron alí?) e aproveitei a oportunidade de pasar a saudar aos fratelli italiani.

A Confederación Helvética é un lugar común sobre o que toda a vida escoitamos moitas curiosidades, anécdotas, peculiaridades… pero despois de visitalo atrévome a dicir que non basta, que Suíza é un país dos que hai que visitar algunha vez na vida.

O Lago dos 4 Cantóns, en Lucerna (Foto: Guido Álvarez Parga)
O Lago dos 4 Cantóns, en Lucerna (Foto: Guido Álvarez Parga)

O VOO DENDE SANTIAGO

Teño eu a tendencia a aproveitar todos os voos de baixo custo que temos dende Galiza, e Bergamo dende hai moitos anos é un deses lugares recorrentes. Fun por primeira vez no 2011, regresei no 2017, e tocou a terceira no 2021: 55 € ida e volta dende o Rosalía de Castro e cuns horarios moi aceptables.

LUCERNA, MONTE PILATUS, ZÜRICH E LUGANO

Lucerna, o Monte Pilatus, Zürich e Lugano foron os meus lugares escollidos para visitar Suíza por vez primeira. Pasei as 4 noites en Lucerna e foi un grandísimo acerto: lugar xeográficamente estratéxico para visitar o país, unha das cidades (algúns din que a número un) máis turísticas de Suíza, e sen lugar a dúbidas un sitio precioso cunha contorna natural formidable. Hospedeime concretamente a 30 metros do Lago dos 4 Cantóns (que agora son 5) e o hostel onde o fixen é altamente recomendable: Backpackers Lucerne! Un emprendemento de dúas mellores amigas, superviaxeiras, que desenvolven un proxecto moi agradable e humano. Dato: 32 € por noite! Que para ser Suíza non está nada pero que nada mal.

O León Ferido de Lucerna (Foto: Guido Álvarez Parga)
O León Ferido de Lucerna (Foto: Guido Álvarez Parga)

Vale a pena en Lucerna pasear polo seu centro histórico, pola contorna do lago, e non perderse dúas visitas obrigadas: a do León ferido de Lucerna (escultura labrada entre 1819 e 1821 polo escultor danés Bertel Thorvaldsen sobre unha parede de roca para conmemorar a morte duns 760 mercenarios da Garda Suíza durante a Revolución francesa en París) e a do Kapellbrücke, a ponte de madeira máis antiga de Europa (construída no século XIV) e a segunda máis longa. Comer é custoso en Suíza (non vin ningún café por menos de 4 €) pero é posible atopar establecementos agradables como Pastillo onde degustar rica pasta a partir de 7 €.

Kapellbrücke, a ponte de madeira máis antiga de Europa (Foto: Guido Álvarez Parga)
Kapellbrücke, a ponte de madeira máis antiga de Europa (Foto: Guido Álvarez Parga)

A visita ao Monte Pilatus foi para min o momento estrela da viaxe, experimentando a subida no tren con máis pendente do mundo (48%) que é ademais unha ruta ferroviaria histórica (inaugurouse no 1889!). Con moita neve, o paseo polas alturas suízas foi algo verdadeiramente memorable.

O Monte Pilatus, nos Prealpes suizos (Foto: Guido Álvarez Parga)
O Monte Pilatus, nos Prealpes suizos (Foto: Guido Álvarez Parga)

O meu paso por Zürich foi totalmente express, pero suficiente para valorar a que din que é unha das cidades con mellor calidade de vida do mundo. Ubicada nun punto xeográficamente estratéxico, a Turicum romana, punto político e comercial moi importante dende a Idade Media, é hoxe un dos centros financieiros e económicos máis importantes do mundo. Multicultural, creativa e cunha gran contorna natural, é hoxe a gran urbe suíza.

Estampas outinais en Zürich (Foto: Guido Álvarez Parga)
Estampas outinais en Zürich (Foto: Guido Álvarez Parga)

Lugano é un amor a primeira vista. Capital do Tesino (a Suíza Italiana) comparte con Lugo orixe etimolóxica (a mesma dúbida entre o vocablo latino Lucus e o deus celta Lug) e tamén a mesma gran beleza natural. Esta cidade que mestura un aire mediterráneo cunha identidade centroeuropea é o terceiro centro financieiro de Suíza sen renunciar por elo a un encanto propio dunha pequena cidade. Casco histórico peonil, arquitectura lombarda, montañas panorámicas e un fermosísimo lago marcan a primeira vista a outro dos grandes centros turísticos do país.

As fermosas rúas de Lugano (Foto: Guido Álvarez Parga)
As fermosas rúas de Lugano (Foto: Guido Álvarez Parga)

BERGAMO, BRESCIA E O LAGO D´ISEO

Terceira visita a estes tres lugares que ao principio eran sempre para min de paso ou froito da casualidade, pero aos que canto máis coñezo máis cariño e admiración lles teño.

Panorama nocturno dende a cidade alta de Bergamo (Foto: Guido Álvarez Parga)
Panorama nocturno dende a cidade alta de Bergamo (Foto: Guido Álvarez Parga)

Bergamo, unha cidade italiana á que dende Lugo se chega case máis rápido que a Tui, é un formidable lugar ao que acudir para refrescar a mente. Unha cidade con gran carácter medieval, con fermosos panoramas e paisaxes dende a cidade alta, é tamén un interesante berce gastronómico do que gozar en cada visita.

O Capitolium bresciano, do século I d.C. (Foto: Guido Álvarez Parga)
O Capitolium bresciano, do século I d.C. (Foto: Guido Álvarez Parga)

Brescia e o lago d´Iseo tampouco defraudan: a segunda cidade da Lombardía en tamaño, antiga cidade gala, ten un importante patrimonio arqueolóxico así como un centro histórico de notable valor arquitectónico. O lago d´Iseo e en xeral a natureza son outros grandes atractivos desta provincia que crece turísticamente nun país tan completo como o é Italia. En definitiva, unha terra que os azares da economía e da xeopolítica (ninguén pode negar esas influencias nas escollas das liñas aéreas) achegan cada vez máis a Galiza… e nós contentos da confraternización! A molto presto, auf wiedersehen, à très bientôt!

O lago d´Iseo e os Alpes dende Santa Maria del Giogo (Foto: Guido Álvarez Parga)
O lago d´Iseo e os Alpes dende Santa Maria del Giogo (Foto: Guido Álvarez Parga)

ÚLTIMAS

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

Acepta 10 anos de prisión por dúas violacións, pero só cumprirá seis meses antes de ser expulsado do país

Un home de nacionalidade colombiana confesou este xoves na Audiencia Provincial de Lugo ser...

Detido en Lugo por apuñalar a outro home tras unha discusión na rúa

A Policía Local de Lugo detivo a un home por apuñalar cunha navalla a...

Toma posesión a nova presidenta da Audiencia Provincial de Lugo

A maxistrada Sandra María Piñeiro Vilas tomou este xoves posesión como presidenta da Audiencia...