O grupo de música antiga Serendipia Ensemble abrirá o luns 22 de marzo o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ cun concerto de frautas de pico e percusión, a partir das 20.00 horas, no Círculo das Artes de Lugo. A actuación servirá de arranque da nova programación deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
O trío Serendipia Ensemble, formado por tres músicos novos (Rita Rodríguez, Moisés Maroto e Pablo Cantalapiedra) cunha forte formación académica na música antiga e a musicoloxía, ademais dunha xa dilatada experiencia sobre os escenarios, ofrecerá en Lugo un repertorio que permitirá ao público viaxar pola historia desde o século XV ata o XVIII a través da música.
Daquela, no seu repertorio, que se prolongará durante unha hora, Serendipia Ensemble interpretará composicións de Jacques-MartinHotteterre, Aurelio Virgiliano, Diego Ortiz, Giovanni Bassano, George Philipp Telemann, Giovanni Mateo Asola ou Jonh Playford. Os seus programas tentan representar, mediante a música, diferentes escenas e alegorías filosóficas de obras teatrais escritas por grandes.
RESERVA DE ENTRADAS
As persoas interesadas en asistir como público ao concerto que ofrecerá este luns 22 de marzo Serendipia Ensemble no Círculo das Artes de Lugo poderán solicitar as entrada de xeito gratuíto a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es. O aforo é limitado e está condicionado pola normativa derivada por mor da pandemia da COVID-19, coa pretensión de minimizar riscos e garantir a seguridade e a saúde das persoas.