EFE | As borrascas encadeadas que descargaron copiosas precipitacións nos últimos días sobre a provincia de Lugo provocaron o desbordamento de moitos ríos na comarca da Terra Chá, onde hai amplas zonas totalmente asolagadas, especialmente nos municipios de Cospeito e Castro de Rei. A algúns núcleos só se pode acceder en tractor ao estar as estradas cubertas pola auga.
Segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Tráfico, nestes momentos permanecen cortadas polo menos tres estradas locais na comarca de Terra Chá. Entre as estradas cortadas figuran dúas vías provinciais, a LU- P-1701, no lugar da Veiga (Cospeito), entre os quilómetros 8 e 10; e a LU- P-1112, no lugar de Lagoa de Abaixo. Tamén está cortada ao tráfico, en ambossentidos da circulación, a estrada local que comunica a Ponte de Outeiro con Marquide, preto da localidade de Muimenta (Cospeito).
Ademais, a Xunta de Galicia activou o Plan Especial para o Risco de Inundacións en Galicia ante a posibilidade de que se produzan desbordamentos puntuais no río Ladra, nos municipios de Vilalba e Begonte, e en Labrada, ao seu paso pola capital chairega. En todo caso, tamén informou de que a situación “mellorou bastante no curso dos ríos, tal e como indican os sistemas de control e seguimento das concas”.
INUNDACIÓNS NO CLUB FLUVIAL DE LUGO
Así mesmo, a subida de caudal do río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo tamén anegou algunhas zonas fluviais de recreo na contorna da cidade e, en concreto, parte das instalacións do Club Fluvial.