InicioMedioambiente e Patrimonio“Life In Common Land é un proxecto demostrativo pero ambicioso”

“Life In Common Land é un proxecto demostrativo pero ambicioso”

Ramón Díaz Varela coordina na USC un programa europeo pioneiro para a conservación e o aproveitamento do Xistral

PUBLICADA O

- Advertisement -

O programa europeo Life In Common Land vai camiño do primeiro ano de vida. Esta novidosa iniciativa contempla solucións para o aproveitamento sostible da Serra do Xistral, que é Rede Natura 2000, e conta cun orzamento de dous millóns de euros, con importantes achegas da Deputación de Lugo, a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. Nesta última institución coordina o proxecto Ramón Díaz Varela, investigador do departamento de Botánica do Campus Terra e director de operacións con sistemas aéreos tripulados de xeito remoto.

Cal é o teu papel no Life In Common Land?

Eu son profesor de Botánica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela. Levo o liderado dun dos socios deste proxecto. Os outros dous son o socio coordinador, que é a Deputación provincial de Lugo, e o outro socio é a Universidade da Coruña.

Por que o Xistral? Cales son as particularidades desta Zona de Especial Conservación?

En primeiro lugar, polos hábitats obxectivos deste proxecto, que son de carácter moi singular no contexto atlántico-europeo: ten a maioría da representación das turbeiras de cobertor [claves na acumulación de carbono, e polo tanto, na loita contra o cambio climático] da parte continental de Europa –o resto están nas Illas Británicas–. E segundo, pola importante singularidade do tipo de aproveitamento que se fai deles, con gandería extensiva, con poldros e cabalos.

Tentamos empregalo como zona para un proxecto piloto-demostrativo no cal se pretende integrar a conservación da biodiversidade de hábitats sensibles, como poden ser estes humedais, e o aproveitamento sostible coa gandería extensiva.

Estades a empregar novas técnicas para o estudo?

Aparte dos novos modelos de xestión e coordinación entre administracións, unha das novas tecnoloxías que estamos a empregar é a análise das imaxes de sensores remotos. Eses sensores remotos non son satélites ou avionetas, son vehículos aéreos pilotados remotamente (RPAS), máis coñecidos como drones. Nós estamos empregando distintos tipos de imaxes captadas con estas tecnoloxías para facer o segmento do estado de conservación destes hábitats. Faremos tamén o segmento das accións directas.

Turbeira na Serra do Xistral | 3edata
Turbeira na Serra do Xistral | 3edata

A idea do proxecto é que sexan os usuarios os que realicen os obxectivos e a cambio reciban unha compensación económica. Pero cales son exactamente eses obxectivos?

O obxectivo é manter nun bo estado todos os hábitats de queirogais, de  brezales húmedos e turbeiras. A cuestión é que o proxecto estabelece uns estándares de conservación, como a ausencia de evidencias de sobrepastoreo ou de abandono da actividade agrícola. Os propietarios dos montes comunais fan a xestión destes terreos para conseguir ese bo estado que consideramos tecnicamente óptimo, e de acadalos, recibirán unha compensación de pago por resultado por ese labor de tutela dos hábitats.

Life In Common Land ten unha duración de cinco anos e ten previsto extenderse nun espazo de 6.000 hectáreas, entre os concellos de Muras, Abadín, O Valadouro, Ourol e Viveiro.

Foi deseñado para afectar a once comunidades de montes. A idea é que sexa un proxecto demostrativo que, de saír ben, supoña un exemplo para aplicar noutras zonas cunha problemática de conservación de hábitats de interese nos que exista certo manexo compatible, ou incluso beneficioso. O xeito de extenderse no futuro será cara a novas superficies.

Cada vez é máis habitual a colaboración entre universidades, pero, neste caso, que aporta cada unha?

Somos dous grupos de investigación cun obxectivo común, a análise da vexetación, pero seguimos distintas liñas metodolóxicas. O grupo da Coruña está centrado na interacción entre herbívoros e vexetación, e nós nos aspectos de segmento dos hábitats. Son matices en canto á especialización.

Gandería extensiva na Serra do Xistral, zona de especial conservación a estudo no programa europeo Life In Common Land | 3edata
Gandería extensiva na Serra do Xistral, zona de especial conservación a estudo no programa europeo Life In Common Land | 3edata

E tedes referencias para este proxecto noutros países?

Cando deseñamos a proposta do proxecto tiñamos a referencia de que se estaban a facer cousas semellantes, principalmente en Reino Unido e Irlanda. Experiencias con esquemas de pago por resultados de conservación. E contabamos co apoio dos mentores doutros centros de investigación, de lugares con hábitats semellantes; en Escocia hai estos mosaicos de breixeira, queirogal e turbeira onde se realiza este tipo de aproveitamento con gandería.

De acadar os resultados esperados, que outras zonas de Lugo ou Galicia poderían beneficiarse deste proxecto?

Sería unha inspiración para áreas de montaña con brezais ou quirogais húmidos, ou turbeiras. Pero tamén áreas de matorral seco nas serras orientais, Os Ancares, O Courel, gran parte dos espazos de montaña de Ourense, o Sistema Central… nos cales hai un aproveitamento con béstas no monte, gandería ceibe que pode integrarse nestes esquemas de conservación.

É un proxecto demostrativo pero ambicioso, involucramos a moita xente, administracións públicas con competencias de medio ambiente e xestión de montes, e comunidades de propietarios e grupos de interés ambientalistas e de desenvolvemento rural.

O aproveitamento con cabalos e poldros é unha singularidade da Serra do Xistral | Life In Common Land
O aproveitamento con cabalos e poldros é unha singularidade da Serra do Xistral | Life In Common Land

Con respecto ao calendario, cando comezaría a fase de resultados?

Hai unha serie de accións preparatorias, de recollida de información e interlocución entre os distintos actores, que é no que estamos mergullados nestes dous primeiros anos. Este proxecto comezou en setembro de 2017. As accións de carácter directo están plantexadas, salvo retraso, a partir do segundo e terceiro ano. E os resultados se basearían no segmento dos dous últimos anos de proxecto, 2020 e 2021.

E despois haberá un seguimento?

É a parte de after-life, para valorar as repercusións futuras do proxecto. Temos a intención de que os pagos por resultado de conservación, que non é máis que o pago por un servizo ecosistémico que realizan no territorio, teñan un compromiso de incorporación nos Programas de Desenvolvemento Rurais (PDR) futuros.

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...