InicioPolíticaLugonovo apunta á Deputación concorrendo con En Marea

Lugonovo apunta á Deputación concorrendo con En Marea

A formación manterá a marca propia no acordo que asinará este xoves, que permitirá sumar forzas con outras agrupacións da provincia de cara a obter representación na Deputación

PUBLICADA O

- Advertisement -

Lugonovo ten xa un percorrido definido de cara ao vindeiro curso político. Este xoves asinará un protocolo para concorrer dentro de En Marea nas vindeiras eleccións municipais, seguindo a estela das agrupacións homólogas do Salnés. Realizará así un novo paso do itinerario ratificado pola asamblea local, que acordou manter a marca coa que obtiveron 3 asentos na corporación lucense en 2015, pero dentro do paraugas das mareas.

Esta decisión é consecuente coa relación histórica desta formación con En Marea, a confluencia instrumental que naceu en 2015 da forza intrínseca das mareas locais. Lugonovo concorrerá coa marca propia, pero co obxectivo de presentarse aos comicios integrada co resto de agrupacións próximas ao proxecto cívico-político. A partir de setembro comezarán a adherir todas as marcas dispersas para loitar por obter representación tamén na Deputación de Lugo.

“Estivemos a piques de ter un deputado”, lembrou o concelleiro Víctor Álvarez en rolda de prensa. “Aínda estando en contra das deputacións, sería bo para nós e para os veciños poder contar cun deputado“, remarcou o que fora responsable de organización e coordinador de facto de Lugonovo.

Será este xoves cando a marea lucense confirme formalmente esta estratexia, asinando o protocolo para concorrer nunha fórmula de coalición. Deste xeito poderá Lugonovo conservar a marca e a autonomía coma partido, pero sumando votos co resto de agrupacións coaligadas con En Marea. Evitarán así a dispersión que impediu obter representación na Deputación nas eleccións de 2015.

Lugonovo seguirá así os pasos dos grupos do Salnés, que asinaron un acordo semellante. Tal e coma afirmou a vicevoceira da coordinadora, Victoria Esteban Riesco, agardan que outras agrupacións aliadas na provincia poidan ir incorporándose ao paraugas de En Marea a partir de setembro. Por esas datas comezarán tamén os traballos para conformar as listas coas que competirán en Lugo no vindeiro 2019.

En Lugonovo aspiran a conformar un equipo comprometido, que incorpore á xente máis nova que foi entrando na formación, e cun plantexamento máis xeneroso que lles permita salvar distancias co resto de esquerdas e, de darse o caso, entrar no goberno local.

DÚAS PROPOSICIÓNS PARA O VINDEIRO PLENO

Lugonovo presentou este luns a segunda das proposicións que levará ao pleno municipal. Dentro da aposta ‘Facer Lugo Habitable’, a agrupación pedirá un acordo para aumentar as capacidades de depuración das parroquias do rural. Será a través do uso de plantas con capacidade para sanear as augas residuais, alternativa que proporán a os técnicos do Concello e da Confederación Hidrográfica nestes núcleos, que representan ao 80 por cento das parroquias do municipio.

As vantaxes deste método serían o menor investimento, algo menos de 300 euros por habitante, contra os 500 dos sistemas convencionais; o escaso mantemento, e a baixa formación requerida para os operarios, amais de non requerir de enerxía. A instalación precisaría dunha excavación a encher de auga e plantas depuradoras, macrofitas, que acumulan auga residual no rizoma.

Exemplos de microfitas depuradoras | OB
Exemplos de microfitas depuradoras | OB

Este sistema emprégase xa para a depuración de núcleos urbanos e estabulación de vacas, principalmente en Cataluña e Euskadi, aínda que existe un exemplo en Abegondo. A variante proposta require 0,5 metros cadrados por usuario, cunha profundidade de medio metro, e unha trampa antes da charca para os elementos grosos ou areosos. En Lugonovo aseguran que este método entra nas directrices da Unión Europea, na directiva marco de 2015, que esixe a depuración das augas de todos os núcleos de máis de 50 habitantes. Algo que, polo de agora, Lugo non cumpre.

Para financiar estas depuradoras naturais, a idea é solicitar parte do canon que recada a Xunta, uns 700.000 euros nos últimos anos, dos que o Concello dixo que investiría 300.000 euros precisamente en saneamento das parroquias. Tamén convidan á Deputación a participar neste proxecto rural apostando por plantas piloto. En Lugonovo lembran que só 4 parroquias de Lugo teñen un sistema de depuración, todas elas de tipo convencional.

A outra medida que proporá a formación é a de aumentar o orzamento adicado a aluguer social para incluír ás 153 unidades familiares con dereito á axuda e que quedaron fóra do programa.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...