InicioSociedade"Cando vou do Bierzo a Galicia síntome na casa, e cando saio...

“Cando vou do Bierzo a Galicia síntome na casa, e cando saio ata León fóra dela”

O voceiro de A Quinta explica as súas razóns para integrar O Bierzo en Galicia, o papel da lingua galega na comarca e as tensións territoriais de Castela e León: "o noso caso non é comparable ó independentismo catalán porque actuamos dentro da legalidade".

PUBLICADA O

“Constituír como provincia galega os 38 concellos que integran o Bierzo”. Esta viría sendo a tese fundamental da plataforma A Quinta, que unhas semanas atrás presentou en Ponferrada un plan territorial para facer de Galicia unha comunidade autónoma de cinco provincias, tal e como publicou Lugo Xornal.
Para a asociación, o papel fluctuante da rexión -limítrofe con Lugo e Ourense- dá pé a considerar unha anexión que, segundo o seu voceiro, Héctor Fernández, é a opción desexada pola maioría dos bercianos. “Non debemos esquecer que O Bierzo existiu dentro da organización territorial española como comarca pertencente a Galicia no pasado”, sosteñen no manifesto fundacional. Ante esta “proximidade histórica” os bercianos de A Quinta enfrontan un longo traxecto legal que implicaría reformar o Estatuto de Autonomía de Galicia, entre outros trámites.
Conversamos con Fernández sobre estas dificultades administrativas, o futuro da plataforma e o papel do galego na comarca, “condenado á morte” pola Xunta de Castela e León.
Por que debería o Bierzo pasar a ser galego?
A idea de unirse a Galicia parte dun sentir provincialista. Pensamos que ter un Bierzo como comunidade autónoma sería imposible, tanto a nivel de poboación (somos arredor de 130.000) como de economía. Polo tanto a esa provincia hai que darlle encaixe nalgunha das comunidades veciñas, e pensamos que Galicia é que a máis próxima á nosa idiosincrasia.
Máis que Castela e León?
Si, por suposto. E máis tamén que no caso dunha hipotética rexión leonesa. No que vai de ano foron publicadas tres enquisas preguntándolle á xente do Bierzo polo futuro da comarca e nas tres a opción maioritaria foi integrarse en Galicia. Na última delas tamén lles preguntaban ós galegos e os datos eran asoballantes: estaban encantados de recibirnos, ou iso dicían.
Como se explica que o Bierzo garde máis proximidade con Galicia que coa comunidade autónoma que integra?
Poderiamos remontarnos a feitos históricos, culturais, lingüísticos… No Bierzo occidental -de Ponferrada a Valdeorras- o idioma vehicular nas casas foi sempre o galego. Eu cando vou ata Valdeorras síntome na casa, non vexo un cambio na idiosincrasia da xente. Pola contra, se vou a León, que o teño aquí ó lado, síntome fóra dela (risas). E dígoo sen prexuízos, porque tamén me encanta León e teño moitas amizades alí, pero eu non son leonés.
Á parte desta proximidade, hai un sentimento galego maioritario no Bierzo?
Si. Pode ser que no Bierzo haxa moitas persoas que non teñan un sentir moi claro pero se lles explicas as cousas -sobre todo no que respecta ó futuro da comarca- pódense dar conta do que pasa. Ao final este é un lugar con moitos prexuízos nos que a xente ‘se rasga as vestiduras’ dicindo que é berciano cando en realidade ten moitos trazos galegos. O castelán de Ponferrada, por exemplo, está cheo de galeguismos e moitos nin sequera se dan de conta.
En principio, o sentimento galego está máis presenta no Bierzo occidental, mentres que o lado oriental -quizais por proximidade a Astorga- pode ter unha maior inclinación cara a León. Aí estarán os concellos difíciles de convencer.
Non sería opción integrar só O Bierzo occidental en Galicia?
O berciano é moi provincialista, así que penso que iso nin se nos pasa pola cabeza. Hai unha unión que roza o ‘chauvinismo bercianista’ (risas).
UN PROCESO DENTRO DA LEGALIDADE
A idea pode parecer rompedora pero, segundo explicades no manifesto, estaría contemplada na lei.
Así é. O principal obstáculo é que, de momento, o Estatuto de Autonomía galego non recolle a incorporación de outros territorios limítrofes. O de Castela e León si ten un punto que contempla a segregación de enclaves. A creación da provincia, que correspondería ás cortes do Estado, tamén estaría permitida na Constitución; co cal quitando o Estatuto pódese facer.
O obxectivo sería, pois, reformar o Estatuto, un trámite que precisaría dous terzos do Parlamento Galego.
Claro, por iso a nosa actividade en Galicia estará centrada fundamentalmente en fomentar o diálogo político e institucional para crear ese debate.
Como sería o proceso da integración?
Para comezar habería que pór de acordo a dous terzos dos concellos do Bierzo para que impulsaran un trámite para segregarnos de Castela e León.  E logo tería que aprobalo o parlamento de Castela e León. Aí temos un problema (risas). A esperanza que hai é que, ao ser os partidos que gobernan en Castela e León (PSOE) e Galicia formacións nacionais, xurda algunha voz a nivel estatal que obrigue a votar que si.
Non tedes moitas expectativas a respecto da Xunta de Castela e León?
Dende o Bierzo levan pedindo que lle dean un pouco de estatus ó galego e apenas se conseguiu nada en 40 anos de democracia… co cal non penso que vaian estar moi polo labor de deixarnos ir.
O GALEGO
Retomando o tema do galego, está moi presente no Bierzo?
A nivel institucional cero, porque Castela e León non está polo labor. A Xunta condenou ó galego á morte, porque se nas clases non se fala ao final os novos ven o galego como un idioma de vellos, para falar coa avoa.
Non se ensina nas escolas?
Si, dende hai anos algúns centros ofréceno como optativa, pero non en toda a comarca.
No Bierzo baixo -en Vilafranca, Cacabelos…- sempre se falou en galego na casa. Cada vez ten menos presenza, supoño que como en toda ou case toda Galicia, pero segue aí. Cando acompaño a miña nai a Vilafranca do Bierzo vexo como toda a xente de 50 anos para arriba fala galego.
CONFLITO TERRITORIAL
En España os cambios territoriais adoitan levantar asperezas, como dá proba o procés catalán. Temedes unha resposta semellante?
Pensamos que non é comparable, pedimos cousas diferentes. Nós só queremos constituírnos en provincia e integrarnos en Galicia de xeito legal e constitucional, nada máis. Non somos un movemento político.
Temedes unha reacción negativa por parte dos partidarios da autonomía leonesa?
En certa medida o conflito é inevitable, xa que defendemos intereses totalmente contrarios a nivel territorial. Eles apostan por que o Bierzo siga nunha hipotética rexión leonesa pero de provincia non falan. Nós non temos problema coa independencia de León, pero os bercianos queremos decidir nós o noso propio futuro. E a miña decisión é irme a Galicia, claro.
En decembro do ano pasado o alcalde de León pediu formalmente a independencia leonesa. Empurrouvos esa noticia á creación da plataforma?
Pode que aos que temos este sentir nos acendera un pouco e nos envalentonaramos. Tamén xogaron un papel moi importante as enquisas que nomeei antes. Unha primeira e outra despois indicaban un apoio maioritario á integración en Galicia, co cal dixemos “ostiá, ao final vai ser certo que somos maioría” (risas). Haberá que traballar sobre iso.
Cando o alcalde de León pediu a independencia moitas persoas tomárono a broma.  Porén, nos 80 houbera un gran debate no tocante a Castela e León e se realmente era unha creación administrativa sen sentido histórico. Deuse este esquecemento no Bierzo?
Si, este foi un tema en certo modo esquecido cando o Bierzo ía economicamente ben pola minería. A xente podía pensar “síntome galego”, pero non lle daba maior importancia, deixábano correr. Agora a cousa pode que sexa distinta.

ÚLTIMAS

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...

Un lucense gaña 2,6 millóns co Eurojackpot da ONCE

Un veciño da provincia de Lugo gañou 2,6 millóns de euros co Eurojackpot do...