InicioOpiniónDía 25 de corentena: o dereito a soñar libremente

Día 25 de corentena: o dereito a soñar libremente

« O Irreal Decreto 1/2020, do 8 de abril, para a regulación dos soños confinados desordena o caos psicolóxico. Non está permitida a intrusión de pensamentos negativos agás veñan acompañados dunha solución. Non é aconsellable ler noticias da pandemia antes de durmir. Todas as forzas e o único corpo do Estado velarán pola desinfección das emocións tóxicas »

PUBLICADA O

- Advertisement -

O outro día soñei que contraera o coronavirus. Xa me estaba estrañando moito que o meu subconsciente non caera niso…, pero todo chega. No mesmo  s̶o̶ñ̶o̶  pesadelo, asistía a unha multitudinaria misa de Ramos que estaba presidida por Felipe e Letizia. Oe, marabilla! Todo o que aborrezo nun único espazo! Vou ter que intervir o meu propio mundo onírico durante este confinamento…

Como única autoridade competente na miña cachola, declaro o estado de calma en todo o territorio mental. O Irreal Decreto 1/2020, do 8 de abril, para a regulación dos soños confinados desordena o caos psicolóxico. Non está permitida a intrusión de pensamentos negativos agás veñan acompañados dunha solución. Non é aconsellable ler noticias da pandemia antes de durmir. Todas as forzas e o único corpo do Estado velarán pola desinfección das emocións tóxicas. En calquera caso, respectarase o dereito a soñar. É o que nos queda. 

Pero, acto seguido… Como única autoridade competente e incoherente na miña cachola, modifico de inmediato o Irreal Decreto que veño de ditar. Queda derrogada a denominación oficial de ‘soños confinados’ e pasan a vivir en liberdade. Considéranse soños esenciais aqueles que nos manteñen vivas durante estes tempos raros, aqueles que compartimos coa ilusión de convertelos en realidade, aqueles que nos espertan a calquera hora do día desta hibernación que caeu en primavera.

Noutras palabras: vou soñar co café con leite que hei tomar no meu bar preferido de Lugo, vou soñar con xogar as pás na beira do río Miño, con pasear con algunha amiga e desvirtualizar a nosa amizade de corentena. Vou soñar tamén coa cerdeira en flor no sitio máis bonito do Corgo, con conducir o coche pola N-VI e ter ganas de parar para sacar unha foto ao ceo. Vou soñar cos reencontros esperados e coas despedidas que acouguen o corpo de quen non puido dicir adeus aos que marcharon estas semanas.

Que día é?, tes calendario? A ver se soa axiña a alarma e trae a calma.


[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’ conxunto que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación adxudica por 2,5M€ un novo sistema informático que modernizará a xestión tributaria

  A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres luz verde á...

Miguel Fernández acusa a Candia de poñer en risco proxectos estratéxicos para Lugo

O portavoz socialista traslada aos veciños e veciñas que non permitirá que a parálise...

‘Arredor do Té’, conversas sobre o pobo saharauí chega a Lugo

A Área de Política Social, Maiores, Migración, Muller e Conciliación do Concello de Lugo...

Condenado a un ano de cadea por maltratar á súa parella mais queda eximido de violación

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a un ano de cárcere a un home...