InicioCulturaA veciñanza do Bierzo busca organizarse para retomar a reivindicación provincialista

A veciñanza do Bierzo busca organizarse para retomar a reivindicación provincialista

O vindeiro 28 de marzo celebrarán unha reunión para crear un grupo que lle dea pulo a unha hipotética recuperación da provincia do Bierzo, xusto un ano antes de que se cumpra o 200º cabodano da súa creación. A xuntanza xorde tamén como resposta á petición de segregación de León.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O concello de Carracedelo, na comarca do Bierzo, acollerá o vindeiro 28 de marzo unha xunta para a creación dun grupo reivindicativo da provincia berciana e en defensa da lingua galega en dito territorio.

A convocatoria, pensada para reavivar o debate histórico do provincialismo, xorde como resposta á reclamación de autonomía para León. Aínda que de momento non manexan previsións de asistencia, explican que a idea é que á reunión acudan persoas do Bierzo, pero tamén galegas. 

Quen confirmou a súa asistencia é o colectivo cultural Fala Ceibe, cuxo voceiro é Xabier Lago. De feito, xa fixeron públicas as propostas que levarán á mesa de debate e que se artellan en torno a tres eixos: primeiro, a xa citada reclamación provincialista; segundo, a necesidade de estreitar os vencellos entre Galicia e O Bierzo; e, en terceiro lugar, a reivindicación da cooficialidade da lingua galega.

O vindeiro 2021 celébrase o 200º aniversario da creación da provincia liberal do Bierzo, segundo lembra Xabier Lago Mestre. Parécelle unha boa ocasión para “recuperar” a provincia ou, cando menos, para “fortalecer o debate histórico entre a cidadanía” e para “presionar as administracións públicas para que non esquezan este acontecemento tan salientable”.

A COOFICIALIDADE, ASUNTO DE FONDO

Respecto da defensa da lingua galega, Lago Mestre destaca un dato positivo: o aumento da demanda do galego no ensino regrado. Tal como asegurou nun acto en Vilafranca o secretario de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, “medrou en 34 o número de alumnas que se incorporaron ao Programa de promoción do galego no Bierzo e Seabra para estudar o galego”.

Así pois, o asunto da cooficialidade lingüística tamén será abordado na xunta prevista para o sábado 28 de marzo. “Haberá que decidir cal é a proposta para o seu procedemento. Nós suxerimos que sexa levada ao Parlamento en busca do apoio de grupos políticos“, como xa adiantaran hai uns meses dende Fala Ceibe.

Sen marcaren expectativas, agardan que o encontro sirva para potenciar a representación pública das bercianas e bercianos, tanto na Comunidade de Castela e León coma en Galicia.

+ posts

ÚLTIMAS

Vicepresidencia da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación pon en marcha a segunda edición da Semana do Patrimonio...

A Deputación pide un pacto contra o transfuguismo blindado por lei

O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes sacou adiante unha iniciativa para...

Un total de dez ofertas presentáronse para construír as 152 novas vivendas públicas en Garabolos licitadas por 26,5 millóns

A Xunta de Galicia recibiu un total de 10 ofertas para construír 152 novas...

O PP pide no Senado aumentar o investimento eléctrico en Lugo tras quedar Altri sen conexión

O PP empregou a súa maioría absoluta no Senado para aprobar este martes na...