InicioMedioambiente e PatrimonioAs caldas do río Miño: oportunidade de ocio termal á custa de...

As caldas do río Miño: oportunidade de ocio termal á custa de “desperdicio enerxético”?

A asociación ecoloxista Adega sostén que a creación dunhas termas artificiais suporía un maior impacto enerxético ca o aproveitamento dos recursos xa existentes e que permanecen en mans privadas (Balneario ou Club Fluvial). O Concello, pola súa parte, resaltara os beneficios económicos e sociais destas instalacións e enumerara varias medidas que se terían en conta para reducir a súa pegada de carbono.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo conseguiu a semana pasada os terreos para construír as caldas de auga quente no río Miño. Este proxecto, co que o goberno municipal pretende dinamizar a economía e a contorna fluvial, non é acollido con gusto por algúns colectivos, que ven nel un “desperdicio enerxético” e unha mala xestión no aproveitamento das augas termais de Lugo.

A asociación ecoloxista Adega teno claro: “construír unhas piscinas de auga quente exteriores parece o antollo de alguén totalmente alleo á situación de emerxencia climática que estamos a vivir”.

O CONCELLO DESTACA A EFICIENCIA ENERXÉTICA

Sexa como for, o Concello explicara no seu día as medidas que habían levar a cabo para reducir o impacto enerxético nestas instalacións. Por un lado, o quentamento das piscinas funcionaría por aerotermia co fin de “reducir ao mínimo a pegada de carbono”. Así mesmo, aseguraban que as caldas terían unha manta térmica removible para evitar perdas de enerxía e remitían que a avaliación ambiental realizada verificaba que o proxecto é respectuoso coa contorna na que se enmarca.

Así e todo, “por moi eficientes que sexan esas medidas”, Adega cre que ese custo enerxético é “prescindible”. “O mantemento destas caldas artificiais vai xerar emisións de CO2 superiores ás que terían unhas piscinas con auga termal natural“, sosteñen. Nese sentido, avogan por que se recuperen as termas naturais existentes no canto de crear unhas caldas artificiais que “prexudican a nivel económico e ambiental”.

AUGAS TERMAIS NATURAIS EN MANS PRIVADAS

“Estanse malgastando recursos enerxéticos e ambientais para implantar espazos lúdicos que xa existen”, pero que están “privatizados“. Concretamente, falan do Club Fluvial ou do Balneario. Porén, o Concello víao doutra maneira e xustificaba a posta en marcha deste recinto atendendo aos supostos beneficios que reportaría á comunidade: “impulso da contorna fluvial”, “fomento de emprego” e potenciación turística.

“Se realmente hai unha necesidade social” de crear este tipo de espazos, Adega propón destinar o diñeiro á recuperación deses recursos naturais para o seu posterior aproveitamento. O contrario poría de manifesto, din, “a falta de sensibilidade e recoñecemento dos valores naturais do río Miño”. “Tratan de achegar o río ás persoas, e non ao revés”, critican.

ÚLTIMAS

Traxedia na A-8 en Guitiriz: dous operarios mortos tras ser atropelados durante unhas obras

Dous operarios faleceron e outros dous resultaron feridos graves por mor dun atropelo rexistrado...

Fendas no Concello de Lugo tras a saída da edil María Reigosa do PSOE: o PP fala de falta de liderado e Besteiro chama...

A portavoz do PP de Lugo, Elena Candia, vinculou o voto da edil que...

Prensentan o VIII Foro de Agroecoloxía que se celebrará en Mondoñedo

O pasado venres a medio día presentouse no Pazo de San Marcos o VIII...

Detido un empresario de transportes en Lugo por explotar a un traballador ao que prometeu papeis e contrato

Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron na cidade a un empresario de transportes...