InicioPolíticaCaballero promete saldar "débedas con Lugo" fronte ás "promesas incumpridas" de Feijóo

Caballero promete saldar “débedas con Lugo” fronte ás “promesas incumpridas” de Feijóo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, criticou que a Xunta metera o proxecto da Ronda Leste "nun caixón".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, prometeu este xoves en Lugo, no transcurso dun acto para reclamar a execución da Ronda Leste -a segunda fase da circunvalación da cidade-, que se chega a gobernar a Xunta de Galicia saldará “as débedas” coa capital lucense, fronte ás promesas incumpridas e a “política de botafumeiro de Feijóo”.

Caballero fixo este anuncio acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé, así como por un nutrido grupo de representantes do PSdeG nesta provincia e da Federación Provincial de Asociacións de Veciños.

“Hai case un ano, o representante da Xunta de Galicia en Lugo facía un anuncio aos catro ventos do que ía ser o proxecto de Ronda Leste, cuxa investimento xa estimaba en “22 millóns de euros”, dixo a alcaldesa, así como que “a principios deste ano xa estaría a exposición pública este proxecto”.

“Estamos no último trimestre do ano, case a piques de cumprir un ano dese anuncio e non sabemos absolutamente nada“, engadiu a alcaldesa, quen lembrou que se fixo nunha “época electoral” para “enganar novamente aos lucenses”.

Por iso, dixo que “hai que lembrarlles á Xunta e ao señor Feijóo, que esta obra é un compromiso del. Unha débeda coa cidade Lugo”, porque “agora que esta reivindicando as débedas do Goberno central con Galicia, esquécese das que ten el cos lucenses”.

Lembrou que “no ano 2009 estaba proxectada a primeira fase” da Ronda, que foi executada polo bipartito, pero a segunda fase, “como era un proxecto de Lugo, o señor Feijóo deixouno no caixón, con premeditación, nocturnidade e aleivosía”.

“O que pedimos é que saque ese proxecto do caixón, porque será un presidente socialista quen teña que finalizar esa Ronda Leste, para darlle continuidade á circunvalación de Lugo”.

A rexedora local precisou que o tráfico se multiplicou pola estrada provincial que discorre paralela ao río Rato, ao pasar de “650 vehículos ao día a 4.700”, dado que é un dos principais accesos ao HULA.

O secretario xeral dos socialistas galegos afirmou que o presidente da Xunta de Galicia “fixo moitas promesas, pero non cumpriu con Lugo”, porque fixo “moita política de botafumeiro ao longo de once anos á fronte” do goberno galego. “Esqueceuse de cumprir os grandes compromisos con esta cidade. Galicia necesita unha cidade de Lugo potente e os lucenses o compromiso da Xunta coa capital da provincia”, engadiu.

Nese sentido, Caballero asegurou que os socialistas porán “a Lugo no centro das prioridades dun goberno progresista”, porque á cidade e á provincia “non lles vai ben con Feijóo na Xunta”.

“Se os galegos nos dan un apoio maioritario cando Feijóo convoque as eleccións autonómicas, o noso compromiso con Lugo será unha prioridade de país. Imos atender as débedas históricas que hai con esta gran cidade”, engadiu, tales como “Ronda Leste”, o “Museo da Romanización e a recuperación do cuartel de San Fernando”, o “saneamento do rural” e a “recuperación do centro histórico”.

Tamén se comprometeu a mellorar a atención “aos comedores escolares”, á promoción do Camiño de Santiago e á sanidade pública nesta provincia. EFE

ÚLTIMAS

O BNG propón destinar os 250 millóns de Altri a un plan para revitalizar as comarcas da Ulloa, Ulla e Arousa

A líder do BNG, Ana Pontón, propón que "os 250 millóns de euros que o...

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Rouban a anciáns en Palas de Rei mediante o método do abrazo cariñoso

A Garda Civil de Lugo alertou dun delito de furto co método do abrazo cariñoso tras o roubo...

Denunciados os donos de dous cans que atacaron a un viandante e á súa mascota en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo tramitaron denuncias contra os donos de dous cans que...