InicioCulturaDende Meira ata o festival de Locarno cunha historia da posguerra lucense

Dende Meira ata o festival de Locarno cunha historia da posguerra lucense

O director meirego Eloy Enciso compite neste festival de Suíza coa súa película 'Longa noite', rodada en distintos lugares da provincia. Trátase dun filme que furga na memoria histórica para rachar co descoñecemento sobre ese período escuro.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O cinema galego está a vivir un momento de gloria que semella ter máis recoñecemento alén das nosas fronteiras ca dentro delas. Logo do éxito acadado en Cannes polo filme O que arde (Oliver Laxe) —e por unha das súas protagonistas, a corguesa Benedicta Sánchez— , outro director lugués competirá no estranxeiro cunha produción realizada na nosa terra. El é Eloy Enciso (Meira, 1975), que viaxará ao festival de cine de Locarno, en Suíza, coa súa película Longa noite.

O traballo deste meirego sitúanos nos montes de Lugo durante a posguerra, unha época sobre a que o director cre que non se profundou moito. O discorrer da Transición soterrou historias e acalou outras coma quen quere facer que nunca existiron. Longa noite sitúa o foco (e o obxectivo da cámara) xusto nese lugar e nese tempo silenciado. O filme furga na memoria histórica, pero evita falar de vencedores e vencidos na Guerra Civil. No canto diso, céntrase  nas consecuencias posteriores, reflectidas nas vivencias de Anxo, un home que ben podería representar a moitos protagonistas reais daquel período.

Anxo volve á súa vila, na Terra Chá, uns anos despois de rematar a contenda bélica, durante a que estivera fuxido. Daquela, bate de fronte con todos os cambios que esta provocou, máis alá dos evidentes. As relacións entre as persoas xa non eran as mesmas, por exemplo, e quizais nunca volveran a recuperarse do mesmo xeito. Todo mudara. A sociedade tivo que reconstruírse a si mesma.

 

CINEASTAS GALEGOS EN LOCARNO

Eloy Enciso decidiu rodar practicamente todo o filme na provincia de Lugo, aínda que algunhas secuencias foron tomadas en Pontevedra. Baamonde, Vilalba, Portomarín ou Samos foron algúns dos lugares da provincia que tornaron en plató para a realización da película.

É a segunda vez que este director de Meira participa no festival de Locarno. Na primeira ocasión, fixérao coa longametraxe Arraianos, presentada na sección ‘Cineasti del presente’. Desta volta, competirá polo Leopardo de Ouro canda outras quince propostas internacionais.

Así e todo, non é o único representante de Galicia no festival suízo, que se está a celebrar durante toda esta semana. E é que Álvaro Gago tamén levará a produción cinematográfica galega e en galego a Locarno, da man da súa curtametraxe 16 de decembro. 

+ posts

ÚLTIMAS

Un tractor derruba parte dunha capela en Guitiriz e o condutor fuxiu do lugar

Un tractor chocou coa capela de San Xosé en San Paio de Parga, situada...

A Deputación adxudica por 2,5M€ un novo sistema informático que modernizará a xestión tributaria

  A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres luz verde á...

Obras de pavimentación arredor da Intermodal en horario nocturno

O Concello de Lugo informa de que durante as noites do 15, 16 e...

Miguel Fernández acusa a Candia de poñer en risco proxectos estratéxicos para Lugo

O portavoz socialista traslada aos veciños e veciñas que non permitirá que a parálise...