InicioPolíticaPSOE e BNG pechan o acordo na Deputación nun "ambiente distendido...

PSOE e BNG pechan o acordo na Deputación nun “ambiente distendido e con moito diálogo”

O BNG asumirá unha vicepresidencia única, ademais das áreas de cultura, deportes, patrimonio histórico e artístico, artesanía e deseño, normalización lingüística, medio rural e mocidade.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os grupos provinciais do PSOE e do BNG selaron definitivamente un acordo de goberno para a Deputación de Lugo nun marco de “traballo distendido” e “moito diálogo”. Dito pacto confirma a investidura do alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, como presidente do ente provincial. Iso materializarase mañá, xoves 18, no pleno de constitución da nova corporación.

O documento asinado por José Tomé (PSOE) e por Maite Ferreiro (BNG) recolle os puntos programáticos básicos para este mandato 2019-2023. Entre as principais medidas está o impulso da Lei de Memoria Histórica, a disolución de Suplusa coa máxima celeridade ou o reforzo da perspectiva de xénero tanto a nivel lingüístico como político.

Ademais, recóllese a creación dunha vicepresidencia única que recaerá en mans do BNG, mentres que o PSOE ocupará a presidencia. Adxúntase tamén unha proposta organizativa. O PSdG ocuparase das áreas de promoción económica e social; innovación e TICs; participación cidadá e transparencia; ensino; economía do coñecemento; igualdade; xestión territorial e parque móbil; goberno interior; asuntos xerais e formación; economía; recadación, facenda e especial de contas; promoción do territorio e turismo; cooperación e asistencia aos concellos; e medio ambiente. Esta última inclúe a granxa-centro de recría Gayoso e a finca de Tor.

Pola súa parte, o BNG levará as áreas de deportes; cultura; patrimonio histórico e artístico; artesanía e deseño (que implica a competencia sobre o CENTRAD); normalización lingüística; medio rural; e mocidade.

Así pois, este acordo posibilitará o apoio dos nacionalistas ao alcalde de Monforte, José Tomé (PSOE), como candidato a presidir a Deputación. A votación terá lugar este xoves 18 no Pazo de San Marcos, en cuxa Xunta de Goberno haberá a partir de agora 7 membros propostos polo PSdG e dous polo BNG.

Deste xeito, lógrase vencer a maioría de deputados (12) que obtiveron os populares a raíz das eleccións do pasado 26 de maio.

DECLARACIÓNS

A deputada socialista Pilar García Porto manifestou que os comicios de maio posibilitaron a formación deste goberno bipartito, que agora vén de confirmarse logo de “poñerse mans á obra, nun ambiente de traballo distendido e con moito diálogo“. Confía en que este novo mandato outorgue “solidez” á provincia e “políticas útiles” para os concellos.

Pola súa parte, a nacionalista Maite Ferreiro destacou que este acordo de goberno non significa que o BNG esqueza o seu obxectivo de eliminar as Deputacións, “institucións que non teñen sentido”. Mentres non chegue ese momento, di, este acordo será “proveitoso” para a provincia.

ÚLTIMAS

A XXI Feira Medieval de Monforte xa está aquí

Ademais dos atractivos doutras edicións, como son os numerosos postos e paradas que haberá...

Falta de pediatras na Fonsagrada, Baleira e Castroverde

A asociación de consumidores Facua en Galicia dirixiuse ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para denunciar a "falta...

Unha talla de madeira provoca graves impactos en mámoas de Lugo

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección...

José Tomé pide precaución xunto ao río Rato tras supervisar os danos da borrasca Olivier

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao alcalde de Lugo,...