InicioSociedadeArquivada a denuncia da CSIF contra Lara Méndez e López Orozco

Arquivada a denuncia da CSIF contra Lara Méndez e López Orozco

Pilar de Lara ordenou o sobresemento provisional da causa aberta por suposta prevaricación e malversación de diñeiro público. É a sétima desimputación para o ex-alcalde, que aínda está pendente doutras dúas causas

PUBLICADA O

- Advertisement -

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, decretou o sobresemento provisional da causa aberta tras a denuncia do sindicato CSIF contra a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o seu predecesor no cargo, Xosé López Orozco, polo nomeamento do posto do letrado asesor do Concello.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a denuncia arquivada, que tamén ía contra unha funcionaria municipal, fora interposta por presuntos delitos de prevaricación e malversación de caudais públicos a consecuencia da cobertura deste cargo.

O auto sinala que este posto non foi cuberto de forma adecuada: en reiteradas ocasións, optouse por facelo en réxime de comisión de servizos e prórrogas, actuación que foi anulada por diversas sentenzas dos xulgados do Contencioso-administrativo e do TSXG. Con todo, a maxistrada considera que “aínda existindo un quebranto da legalidade”, “non reúne os orzamentos precisos para que se poida falar de delito de prevaricación“, ao concorrer circunstancias especiais que determinan a ausencia de responsabilidade penal.

SEN ADVERTENCIAS DE ILEGALIDADE

Na sentenza á que tivo acceso Europa Press, a xuíza indica que non consta que nin o secretario nin os restantes técnicos e asesores advertisen da ilegalidade da forma de cobertura de dito posto a través do sistema de comisión de servizos.

Ademais, expresa que tampouco queda acreditado que existise un “interese persoal alleo ao interese público” en asignar a comisión de servizo á funcionaria investigada. “Nin moito menos” que a súa designación estivese guiada polo fin de “mellorala economicamente”, engade: “non se aprecia unha actuación caprichosa, arbitraria ou inxusta que esixe a responsabilidade penal”.

Tamén sinala que Lara Méndez non participou nos nomeamentos anulados da funcionaria como letrada asesora e considera que o “suposto atraso” no cumprimento das sentenzas sobre este posto “non é tal”.

SÉTIMA DESIMPUTACIÓN PARA OROZCO, PENDENTE DOUTRAS DÚAS CAUSAS

Co sobresemento provisional desta causa xa son sete os procesos nos que o ex alcalde Lugo, Xosé López Orozco, foi desimputado. Con todo, aínda queda pendente unha investigación sobre a ORA e outra sobre o Garañón, a urbanización paralizada no parque Rosalía de Castro e pola que tamén está investigado o exsecretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

Ademais, este fallo ten lugar nun contexto no que a titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, está á espera de que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) decida sobre o seu recurso contra o expediente que lle impuxeron. Implicaba unha sanción de sete meses e un día de suspensión de funcións por unha falta “moi grave de desatención das competencias xudiciais”, algo que tamén implica a perda de destino.

ÚLTIMAS

Falta de pediatras na Fonsagrada, Baleira e Castroverde

A asociación de consumidores Facua en Galicia dirixiuse ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para denunciar a "falta...

Unha talla de madeira provoca graves impactos en mámoas de Lugo

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección...

José Tomé pide precaución xunto ao río Rato tras supervisar os danos da borrasca Olivier

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao alcalde de Lugo,...

Rescatan unha muller ferida tras envorcar co seu coche en Guntín

Unha muller resultou ferida e acabou atrapada tras envorcar o seu coche no municipio...