InicioMedioambiente e PatrimonioA Valedora inicia o procedemento para salvar os frescos de Vilares

A Valedora inicia o procedemento para salvar os frescos de Vilares

A Valedora do Pobo requerirá ás diferentes administracións un informe sobre o estado dos frescos de Vilares, que o Parlamento acordou restaurar en xaneiro

PUBLICADA O

- Advertisement -

Unha semana despois de que o caso fora remitido, a Valedora do Pobo fixo saber á asociación cultural Lareira de Soños que iniciará o procedemento para salvar os frescos de San Vicenzo dos Vilares. Este ben cultural, que decora os muros da igrexa parroquial do  termo municipal de Guitiriz, corren serio risco de desaparición mentres as administracións incumpren o acordo acadado no Parlamento de Galicia para a restauración destra excepcional mostra de arte pictórica do século XVI.

A admisión a trámite da queixa supón que a oficina da Valedora do Pobo requerirá dos preceptivos informes á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Deputación de Lugo, e o Concello de Guitiriz. Estas autoridades terán quince días para facilitar información sobre o estado dos frescos de Vilares, paso previo a iniciar novas actuacións sobre esta obra renacentista atribuída ao sobranceiro Mestre de Parga.

Lareira de Soños leva anos pedindo a intervención neste monumento. “As pinturas son un valioso ben patrimonial de difícil recuperación cando acadan un alto grado de deterioro, un camiño que emprenderon xa as dos Vilares”. Dende a asociación explican que acudiron á Valedora do Pobo por mor do “pasotismo” administrativo. Esta vía procura reactivar os compromisos parlamentares aprobados na Comisión Cuarta en xaneiro deste mesmo ano.

Mais non é a única liña de acción para salvar este conxunto emblemático en toda a Terra Chá. Lareira de Soños prepara unha campaña para despois do verán que inclúe accións informativas, crowdfunding, xornadas con profesionais, exposicións en foros da cultura e o patrimonio, e mesmo un documental para expor en redes sociais. Dende a asociación procuran asemade unha entrevista en persoa na oficina da Valedora do Pobo.

A igrexa de San Vicenzo dos Vilares comezou sendo unha capela no século XII. A estrutura actual comprende tres retablos neoclásicos e un barroco, o sartego antropomorfo, o cruceiro e o calvario, amais dos frescos de cinco séculos de antigüidade. O deterioro da pintura mural é severo dende a súa aparición en 1992, data do estudo do profesor Juan Manuel Monterroso Montero, da Universidade de Santiago de Compostela.

De non ser inmediatamente consolidada, a obra desaparecerá por mor da intensa humidade característica desta terra. En Lareira de Soños tentarán con todas as axudas posibles desenvolver unha batalla pola conservación dos frescos, cos permisos pertinentes, os profesionais axeitados, a colaboración do párroco e do bispado, así como de “todos aqueles chairegos -e non chairegos- sensibles co noso patrimonio”. O obxectivo é que as administracións acheguen un orzamento co que asumir o plan orixinal de restauración, que tamén foi entregado á Valedora do Pobo.

 

A quen corresponde a conservación do patrimonio histórico en Galicia?

 

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...