InicioSociedadeAs feiras que resisten: os mércores son de Castro

As feiras que resisten: os mércores son de Castro

Os postos de roupa mestúranse con aqueloutros onde se venden fabas, grelos, patacas, fouciños, bolos de pan e mesmo coellos. A veciñanza concorda á hora de referir unha diminución na afluencia de xente, pero teñen claro que hai algo que mantén viva esta feira: o polbo. "En ningún lado sabe tan ben coma en Castro".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Hai moitas maneiras de interpretar os almanaques e unha delas vai en función das feiras: cando non é domingo de Castroverde, toca Meira (e ao revés); tódolos primeiros de mes, e mailo día 18, hai que ir a Baralla; o 7, comer o polbo a Sobrado; o 13, poñer camiño de Adai. E, polo medio, todos os mércores… son de Castro.

— Jefe! Cantos feixes ha querer levar hoxe? Sonlle bos estes grelos!

— Nada, nada! Hoxe non paro, que van caros.

Conversas coma esta vanse reproducindo nos arredores da carballeira de Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei) a mediados de semana. Ademais do famoso polbo que tanto tira pola xente, a zona énchese de postos de pan, hortalizas, roupa, calzado, ferramentas... É xa unha cita ineludible para os chairegos, que perden a conta dos anos que levan indo alí.

“Haberá sobre uns vintecinco anos que comecei a vender aquí. Vintecinco, vinteoito… Por aí anda a cousa”, conta Juan Carlos, queixeiro de Rábade. “Despois de tanto tempo xa nos imos coñecendo todos. Hai clientes que igual non che veñen todas as semanas, pero non tardan máis de quince días”. “Eu veño por esa xente que sei que compra fixo”, engadía un pedazo máis tarde Eladio, panadeiro de Friol. “Pode ser que fallemos un mércores, pero temos por costume vir sempre”.

Quen anda nas feiras, sabe que en Castro é raro non pescar algo. “Vilalba, Meira, Castro… Son feiras que sempre funcionaron. Esta máis! Igual é por estar máis preto de Lugo“, aventuraba Juan Carlos. Aínda así, a maioría da xente coincide en que a afluencia minguou respecto da que había hai un tempo. Onde máis se nota ese cambio, aseguran, é no mercado gandeiro. “Iso si que foi moito a menos. A xente nova non vén e os maiores vanse acabando”, dicía un veciño do concello.

Antonio, asiduo a esta cita, bótalle a culpa aos novos hábitos de compra. “Agora vaise máis aos supermercados ou ás grandes superficies. O produto caseiro sae perdendo, aínda que sexa mellor”. Algo semellante opinaban outros vendedores a carón del. “A xente non mira o que compra; só mira o prezo”, lamentaban. Entre chourizos, fabas, patacas e grelos, o diálogo vaise avivando e hai quen apunta directamente á venda non regulada como xustificación á perda de beneficios por parte dos comerciantes.

O FACTOR SOCIAL

“Moitas veces xa non vés polo que gañas. Algúns van de feira en feira e fan cartos, pero eu veño máis ben por falar coa xente, pasar o tempo… Gústame isto”, comentaba un señor da localidade. E é que o certo é que nas feiras vanse establecendo relacións de familiaridade e confianza entre os propios vendedores ou ben coa clientela. “Despois de tanto tempo, acabas coñecendo a vida dos compradores. Eu digo que ás veces parecemos psicólogos”, ría Iván, un mozo que aínda lembra perfectamente a  primeira feira á que acudiu, xustamente en Castro.

Da mesma maneira, tamén o resto de negocios da vila se ven favorecidos pola celebración destas feiras semanais. “Sobre todo os bares! Están abarrotados!” Abel, veciño de Cospeito, confesa con retranca que “os ociosos” coma el teñen por costume “achegarse a Castro e matar o tempo” cun café ou un viño polo medio.

“O POLBO NON SABE EN NINGÚN SITIO COMA EN CASTRO”

Malia todo, o auténtico e indiscutible protagonista da feira de Castro é o polbo. Cando as agullas do reloxo pasan da unha do mediodía, comeza o rebumbio nos postos das polbeiras. “Veñen familias, matrimonios, obreiros… Achégase moitísima xente de Lugo capital cando é a hora do xantar. Saen do traballo e veñen comer o polbo. Como queda preto, aproveitan”. Aurora Gómez, polbeira de Santa María de Arcos (O Carballiño), explica, tesoiras en man, que a veciñanza da provincia de Lugo é esixente á hora de papar unhas racións de polbo. “Haille que dar boa calidade. E así non fallan. Ben ves…”, di, mentres sinala cara ao interior do local habilitado para as comidas.

“Presta moitísimo máis comelo na feira. Se o levas para a casa non sabe nin a metade de ben ca aquí”, contaba un cospeités. “Pero pásame con todas as feiras. En ningunha me sabe igual de ben ca nesta. Eu xa sei que é manía miña, porque o polbo é o mesmo, pero debe ser esa cousa de ir a Castro… É toda unha tradición!”

Segundo Aurora Gómez, tan asentado está dito costume que nin sequera se resentiu demasiado durante o período de maior suba de prezo do produto. “A xente viña igual. Se había comer máis racións, daquela comía menos, pero non deixaban de vir”, sostén.

E de aquí en diante, que cabe agardar? Ten futuro esta feira? “Claro que ten!”, soltaba un veciño con convencemento. “Noutros lados as feiras xa están morrendo. Pouco queda. Aquí, aínda que non haxa tanta afluencia como hai anos, é das que máis se mantén. Eu creo que Castro vai para adiante. Vai, ho!”

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...