Home Lugo e contorna Lugo Un médico do HULA: “As UCI de Lugo están moito peor ca nas dúas ondas previas”

Un médico do HULA: “As UCI de Lugo están moito peor ca nas dúas ondas previas”

0
Un médico do HULA: “As UCI de Lugo están moito peor ca nas dúas ondas previas”
Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) | Grupo San José

O médico da UCI do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e ex xerente do antigo hospital Xeral-Calde, Miguel Ángel Fernández, asegurou este xoves que o servizo no hospital aguanta “moita presión asistencial” por mor de pacientes Covid, polo que apela á “responsabilidade individual” para frear os contaxios.

A día de hoxe hai 15 enfermos de coronavirus nas Unidades de Coidados Intensivos da área lucense, cando o máximo de pacientes críticos foron 14 a principios de abril.

“Estamos como está toda Galicia, con moita presión asistencial (na UCI). Nestes momentos temos 15 pacientes Covid. Ademais segue habendo pacientes non Covid que requiren coidados críticos e estamos nunha situación moi apurada. Nunhas cidades máis e noutro menos, pero Lugo está moito peor de presión que nas dúas ondas previas“, constatou.

O ex xerente hospitalario insistiu en que están “peor que en marzo porque desde marzo baixaron as actividades e as consultas e houbo menos presión asistencial”. “Co confinamento veu menos xente. Ademais hai que ter en conta que tivemos menos patoloxías porque moita xente non saía da casa. Agora a presión é claramente superior na UCI”, subliñou.

SAÚDE MENTAL DOS SANITARIOS

Outro aspecto sobre o que chamou a atención é a presión “psicolóxica” que sofren os profesionais de dita unidade despois de “dez meses traballando con enfermos Covid e cun pequeno lapsus de mes e medio durante o verán”.

Miguel Ángel Fernández destacou que “moitos profesionais prolongan as súas quendas catro ou sete horas, nun cubículo con pacientes moi críticos. Esa é unha sobrecarga física e psíquica que se vai notando co paso dos meses”.

RESPONSABILIDADE PARA CORTAR A CADEA

Finalmente apelou á “responsabilidade individual colectiva” para cortar as vías de transmisión. “Isto é unha cadea: a maior contacto social, máis contaxio; a máis contaxios, máis infección; a máis infección, máis ingresos hospitalarios; a máis ingresos hospitalarios, máis ingresos críticos e máis mortos”, advirte.

“Eu o que pido é unha responsabilidade individual colectiva para que rompamos ese primeiro elo da cadea”, concluíu este ucista do HULA.

+ posts