A área sanitaria de Lugo rexistra este domingo 29 de novembro unha baixada importante no total de casos activos por coronavirus: son 967, 98 menos ca os contabilizados onte. Segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), tamén descenden os casos diarios trala suba do sábado: nas últimas 24 horas confirmáronse 31 novos positivos a través de PCR.
Non obstante, medra lixeiramente a cifra de ingresos, que pasa dos 36 de onte aos 39 deste domingo. O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) atende catro pacientes na UCI (sen variacións) e 25 en planta (+2); o da Mariña conta sete (+2); e o de Monforte, 3 (-1).
Ademais, no día de onte o Sergas notificou o falecemento no hospital da Mariña dunha muller de 92 anos que estaba diagnosticada de coronavirus. Desta maneira, xa son 121 as vítimas mortais na área sanitaria de Lugo dende o inicio da pandemia.
Por outra banda, ata o momento curáronse 5.123 pacientes e fixéronse 102.384 PCR, o que implica que na última xornada se realizaron 912 probas, case 200 máis ca o día anterior.
GALICIA
Os datos para Galicia amosan unha baixada nos casos diarios (329) e no total de positivos activos, que volven situarse por baixo da barreira dos 8.000. Ademais, tamén se dá unha estabilización nas hospitalizacións, con 388 persoas en planta e 88 na UCI.