O avogado Cándido Conde Pumpido, que representa o dono do club La Colina no caso Carioca, José Manuel Pulleiro, critica que esta operación instruída pola xuíza Pilar de Lara “é a causa máis grande que tivo o sistema xudicial español”. “Estiven noutras causas importantes como Gescartera ou Malaya, sobre o saqueo de Marbella, e ningunha chegou ao volume que chegou a Carioca”, lamenta.
O avogado madrileño deduciu que “isto quere dicir que se instruía e ampliábase o obxecto da investigación de tal forma que se converte en completamente inabarcable”, con 250 tomos, “unha extensión á que non chegou, por exemplo, a Malaya”.
ESPERA ACORDO PARA PULLEIRO
Conde Pumpido confía que no caso de Pulleiro tamén se acorde “conformidade” coa fiscalía, á vista dos últimos xuízos derivados desta investigación sobre a rede de prostitución en Lugo, na que se viron reducidas as penas tras alcanzar acordos as partes.
“Ademais as nulidades que proveñen do principio da instrución afectan o resto de causas, o que fai que os fiscais prefiran ofrecer penas moi pequenas para chegar a unha conformidade que entrar a xuízo”, opina.
“O máis probable, xa nolo atopamos noutras ocasións, é que de aí se deriven unhas nulidades que poden afectar toda a extensión dos 250 tomos que se dividiron en diferentes pezas”, augura.
Deste xeito afea as instrucións que levaba a extitular do xulgado nº1 de Lugo, Pilar de Lara, que hai algunhas semanas cumpría a sanción de sete meses e un día, e que está á espera de incorporarse a un xulgado de Ponferrada.