InicioSociedadeA alcaldesa de Vilalba, sobre a orixe do gromo: "É difícil sabelo,...

A alcaldesa de Vilalba, sobre a orixe do gromo: “É difícil sabelo, pero puido ser por unha visita ao HULA”

Elba Veleiro expresa que "as familias están en grao de preocupación máxima", aínda que sinala que "moitos" dos positivos da residencia son asintomáticos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, remarca que é “difícil” dar coa raíz do gromo de COVID-19 da residencia de maiores desta localidade, intervida pola Xunta este xoves tras reportar 114 usuarios e 18 traballadores afectados. No entanto, deixa caer que “é posible que fose despois de acudir a unha consulta” ao Hospital Lucus Augusti (HULA), pero non un dos residentes, senón “alguén próximo”.

Aínda que a rexedora asegura que está “a investigarse”, insiste en que é “difícil” pescudar a orixe da avalancha de positivos, “por non dicir que é practicamente imposible”. Ademais, Veleiro confesa a súa “tristeza” e a “preocupación” de todo o municipio ante este gromo, xa que os anciáns son “un colectivo moi querido en Vilalba, pero moi vulnerable”. “As familias están en grao de preocupación máxima“, engade.

De feito, tal e como asegura, agora realízase un “seguimento” por parte das consellerías de Sanidade e de Política Social da Xunta, que “están a pór os medios necesarios para establecer os protocolos necesarios”.

Sobre a gravidade da situación, a alcaldesa constata que “moitos” dos positivos “son asintomáticos e pódeno superar con normalidade“. “Esperemos que chegue unha recuperación rápida e total, e que non deixe secuelas”, desexa.

O BNG PIDE EXPLICACIÓNS

Pola súa parte, o BNG esixirá explicacións á Xunta no Parlamento de Galicia polo gromo masivo e volverá reclamar a intervención de todos os centros privados de maiores para “garantir a seguridade” dos usuarios.

Así o avanzou nun comunicado a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, quen considera “inadmisible” que o Goberno galego non actúe con carácter preventivo e non “blinde” as residencias privadas.

“Desde o BNG volvemos pedirlle á Xunta que interveña todas as residencias de maiores privadas para que non poida volver ocorrer o que vimos, non só en Vilalba, senón tamén en Salvaterra, en Ribadumia e noutros centros do país”, manifestou.

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...