Policía e Garda Civil intensifican os controis na cidade para velar polo cumprimento das restricións

Estableceranse dispositivos de vixilancia nos accesos a Lugo, especialmente na N-VI, para comprobar a procedencia das persoas que circulan.

Control da Policía Local de Lugo debido ao peche perimetral pola covid-19.. POLICÍA LOCAL DE LUGO

EFE | Os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, xunto con axentes da Policía Autonómica e Local, intensificarán os controis na cidade de Lugo e nos seus principais accesos para garantir o cumprimento das restricións decretadas polas autoridades sanitarias para tratar de frear os casos de Covid-19.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, expresou hai un par de días dúbidas sobre o respecto das restricións en Lugo: “Non se están cumprindo de maneira franca”, dixo daquela. Logo destas declaracións e ante a evolución da pandemia na cidade, o control será máis exhaustivo.

De feito, fontes da Policía Autonómica confirmaron a EFE que a unidade adscrita despregará a partir de hoxe un dispositivo especial de vixilancia na contorna da cidade de Lugo que estará composto por sete patrullas, de modo que participarán no mesmo un total de 15 efectivos.

Dese modo, participarán no dispositivo de vixilancia durante as 24 horas do día, con especial incidencia nos horarios de mañá e tarde, aínda que tamén haberá unha patrulla de garda pola noite.

En canto aos controis, as mesmas fontes indicaron que os axentes da Policía Autonómica vixiarán na contorna da cidade, pero tamén se desprazarán aos municipios limítrofes e mesmo ata Sarria. Nos últimos días, xa se percibiu unha maior presenza policial e controis da Garda Civil nas vías de acceso a Lugo, especialmente na N-VI.

Cúmprense quince días desde que as autoridades sanitarias ordenaron o peche perimetral do municipio e a clausura temporal da hostalería, pero a evolución da pandemia non foi a esperada e os contaxios seguiron subindo.  De feito, o xerente do Sergas en Lugo, Ramón Ares, recoñeceu que a situación na cidade é “moi preocupante”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here