“O que quere Feijóo é desfacerse dos centros de día e meter a todos en residencias”

O deterioro físico e cognitivo das persoas usuarias de centros de día é evidente logo de tanto tempo sen esa atención. O presidente da Xunta segue reticente a abrir os centros e moitos familiares optan polas residencias para poder conciliar. "Estamos sufrindo enormemente".

Persoas nunha residencia de maiores | Arquivo - En Marea

Se o centro non abre, non sei que vai pasar cos nosos familiares. Oxalá me chamen pronto e me digan: ‘Traédeos cando queirades'”. O único desexo desta muller que fala é que se retome canto antes a actividade no centro de día no que atendían o seu marido, que se atopa en cadeira de rodas e sofre un gran deterioro físico e mental. “Desde que empezou o confinamento, todo foi para atrás”, relata. “Non come o que ten que comer, cúspeme as pastillas todas, non quere durmir porque descontrolou o sono, non fala e apenas temos conversación…”.

Un día tras doutro, esta muller érguese para ir traballar, déixao na cama e encéndelle a televisión “para que teña un pouco de barullo de fondo”. Di que se o deixa na cadeira de rodas a súa cabeza non queda tranquila mentres atende o seu pequeno negocio “que hai que abrir si ou si porque non queda outra”. Apura o peche todo o que pode para regresar á casa e darlle o xantar ao marido. Xa logo, no pouco tempo que poida quedar antes de volver ao traballo, come ela. Agás unhas horiñas nas que esta muller paga do seu peto a outra muller que vén atendelo un rato á mañá e outro á tarde, o home queda só na casa, deitado na cama e coa tele como única compañía. “Garántoche que isto non é nada fácil”, asegura ela. “Como sigamos así quedarame nunha cama para toda a vida”.

OS SIS E NONS DE FEIJÓO

O centro de día ao que levaba o seu marido durante toda a xornada botou o peche coa declaración do estado de alarma. Coma todos, tiña previsto o seu regreso para o día luns, 1 de xuño, atendendo o protocolo de desescalada fixado pola Xunta de Galicia o 12 de maio e enviado posteriormente a todos os centros de día para a súa aplicación. Só tres días antes desa agardada reapertura, o venres, 29 de maio, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, compareceu perante os medios e anunciou que esa apertura non se ía producir ata o mes de setembro. A noticia caeu sobre os centros, familiares e usuarios coma unha xerra de auga fría. A desescalada dos centros de día desaparecía repentinamente dos protocolos e deixaba en cueiros.

Podes ler a reportaxe completa, da man de Uxía Iglesias, no Galicia Confidencial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here