InicioSociedadeO mundo despois da COVID-19: que cambiará e que permanecerá?

O mundo despois da COVID-19: que cambiará e que permanecerá?

A sociedade quedou "sintonizada" a raíz desta pandemia, mais as opinións son diversas ao redor de como será a nosa vida post-covid. GC fala con tres psicólogas para debuxar algunhas liñas do que será o futuro. Isto marcaranos?, Haberá un cambio de mentalidade?, Como nos relacionaremos?

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Covid-19 chegou para darlle a volta ao mundo da noite á mañá. De súpeto vímonos recluídos nas nosas propias casas, coa saúde no punto de mira, cos nosos traballos no aire, e cun futuro moi incerto por diante. Cambiaron as dinámicas da vida, cambiaron as preocupacións, cambiaron as maneiras de nos relacionar… Nada se salvou de verse alterado. Ante tal escenario, seremos quen de aprender algo de cara ao futuro? Que cambiará e que permanecerá nese mundo que nos espera despois da Covid-19?

Hai quen augura un punto de inflexión a todos os niveis —social, económico e político— a raíz desta crise. Hai quen é máis escéptico e pragmático: esquecerémonos de todo isto cando a comunidade científica dea cunha vacina que nos salve desta enfermidade que confinou o mundo. E hai quen fala de que en nós quedará un pouso desa consciencia colectiva e dese sentido de fraxilidade do que nos decatamos nesta pandemia. Os balcóns e as xanelas convertéronse en todo un símbolo por seren os únicos ollos ao mundo, pero que pasará neles —ou que deixará de pasar— cando a Covid-19 xa non monopolice as nosas conversas?

CONSCIENCIA COMUNITARIA

Como sociedade quedamos “sintonizados” a unha escala mesmo planetaria, polo que reviviu en nós ese “sentido comunitario que se tiña totalmente perdido”, relata a psicóloga do COPG Concepción Rodríguez. “De repente, pasamos a ter máis conciencia de que uns podemos afectar aos outros positiva e negativamente, e espero que isto quede e sexa aproveitado no futuro”, desexa. Vanessa Rodríguez, psicóloga de Aseia, transita este mesmo camiño e fala dunha “ferida narcisista na sociedade capitalista e occidental”. Esta pandemia fíxonos ver que “somos vulnerables” e que as grandes desgracias “non só son cousa dos países que quedan lonxe de nós”.

Esta crise, así pois, igualounos co resto de persoas e fixo que cambiaran as nosas prioridades. “Comezamos a valorar colectivos de profesionais aos que antes non poñiamos en valor, vimos que as fronteiras serven de pouco fronte a unha pandemia, e que o benestar dos outros países tamén inflúe no noso benestar“, prosegue Vanessa Rodríguez, que tamén cre que neste contexto se relegaron a un segundo plano as medidas de carácter psicolóxico e emocional “sen ter en conta que repercuten de maneira moi importante na saúde física”. De feito, no servizo de Primeiros Auxilios Emocionais de Aseia dirixido a coidadores e adolescentes, Rodríguez observa que a pandemia “puxo en evidencia fraxilidades persoais, relacionais e emocionais que xa viñan de antes”, cousa que valora positivamente.

“CAMBIANDO O CHIP”

Neste parón en todos os sentidos, a sociedade foi tamén máis consciente da vida rápida que levaba, marcada polo “traballo e máis traballo que demanda o capitalismo”, fala agora a psicóloga Beatriz Guerra, de Chavert Psicología. “Creo que estamos cambiando o chip e dándonos conta do necesario de vivir con máis calma; quero pensar que logo disto seremos unha sociedade distinta”. Porén, o camiño cara a ela resultará complexo. “Haberá moitos problemas de saúde mental: moita xente perderá o seu traballo, outra moita está convivindo con persoas coas que non quere convivir, haberá medo ao contaxio, e tamén estigma coa xente que estivo infectada…”.

MÁIS ALÁ DA CLASE MEDIA

Á hora de facer unha análise dos cambios psicolóxicos que leva consigo esta pandemia, cómpre tamén cuestionármonos desde que posición estudamos esta crise. “Adoitamos facer unha análise bastante nesgada”, considera Vanessa Rodríguez, “pensando nunha clase media —que terá máis ou menos dificultades económicas— e que pode pasar un confinamento no que pode suplir os encontros sociais con videochamadas e as saídas aos bares ou a teatros e cines con Netflix, HBO ou sesións vermút veciñais…”. Mais a realidade é moito máis diversa fóra desa clase media: persoas en risco de exclusión, persoas inmigrantes sen papeis, persoas sen Internet nin outros “luxos” deste estilo…

Podes ler a reportaxe completa, da man de Uxía Iglesias, no Galicia Confidencial.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...