InicioPolíticaCen anos da Asemblea Nacionalista de Lugo a través de Justo Beramendi

Cen anos da Asemblea Nacionalista de Lugo a través de Justo Beramendi

O Ateneo Galeguista de Lugo convidou o historiador Justo Beramendi para disertar da ‘acta de nacemento do nacionalismo galego’ de novembro de 1918

PUBLICADA O

- Advertisement -

Justo Beramendi visitou Lugo con motivo do inminente centenario da Asemblea Nacionalista, estrea do nacionalismo galego organizado. Autor consagrado na materia, foi catedrático e profesor emérito de Historia na Universidade de Santiago de Compostela, traductor, cofundador do Museo do Pobo, director da Cátedra Juana de Vega, Premio Nacional de Ensaio en 2008, e está vencellado á Fundación Castelao e á Fundación Vicente Risco.

A cerna da exposición residiu na transición do rexionalismo de fins do século XIX ao nacionalismo galego, con tempo para abordar a xénese do Partido Galeguista e incluso o sistema de partidos que herda o actual Parlamento. Beramendi partiu da actividade de Solidaridad Gallega para explicar o declive do rexionalismo e a eclosión dos “pobos do estado”, nun contexto de cambio político e cultural arredor da Gran Guerra.

Baixo o esquema da Restauración Borbónica, o reinado de Afonso XIII preconizaba un enfoque centralista arredor do parlamentarismo non democrático. Era un sistema turnista, con dúas familias políticas que por quendas intercambiaban o poder, empregando as restriccións do voto e o clientelismo. Este control deixaba apenas oco para os republicanos, socialistas e rexionalistas cataláns, aínda que era máis feble como resultado da Semana Tráxica de 1909. O réxime quedaría desestabilizado logo da folga xeral de 1917 e arrostraría a crise definitiva pola guerra en África.

Irmandades da Fala

Neste escenario, o nacionalismo catalán fíxose hexemónico no conflito contra o centralismo. En 1914 obtiveron a concesión da Mancomunitat, institución de corte simbólico que reunía as competencias das deputacións catalanas, e que foi “moi ben empregada para a nacionalización, para atravesar o umbral da nación”. O fito coincidiu co reforzo do nacionalismo vasco, “un actor a ter en conta”.

Porén, o nacionalismo galego estaba “a velas vir”. Isto cambiou velozmente a partir da aparición en 1915 da Revista de Estudios Gallegos, dirixida dende Madrid polo xornalista Aurelio Ribalta, e en especial de 1916 en adiante, coa fundación das Irmandades da Fala. A primeira xurdiu no local que agora ocupa a Real Academia Galega na Coruña, a segunda en Santiago de Compostela, e despois virían Vilalba, Monforte de Lemos, Ourense, Pontevedra, Ferrol… así ata a vintena, con entre seiscentos e setecentos afiliados, segundo as fontes de Beramendi.

Dentro das Irmandades había diversas tendencias: vellos rexionalistas, católicos agraristas coma o fidalgo Antón Losada Diéguez, e republicanos, entre os que estaba Antón Vilar Ponte, retornado de Cuba. “Un universo heteroxéneo”, influenciado polos nacionalismos periféricos, en constante pugna entre os rexionalistas, que aspiraban a un autogoberno limitado, e os nacionalistas, que defendían a Galicia como suxeito soberano.

Asistentes á Asemblea Nacionalista de Lugo | Fundación Moncho Reboiras
Asistentes á Asemblea Nacionalista de Lugo | Fundación Moncho Reboiras

Os obxectivos destas agrupacións ían alén da fala e o folclore, cun obxectivo político manifesto, e así quedou rexistrado no documento fundacional da Irmandade da Coruña. Isto provocaría a marcha dos cristianos, deixando un espectro ideolóxico repartido entre a esquerda demócrata e os conservadores. En decembro de 1916, o xornal A Nosa Terra pasa a estar integramente en galego. Meses despois, o liderado de Francesc Cambó serviría para organizar a alianza de movementos da periferia, artellando a primeira candidatura rexionalista galega.

A participación electoral contaba con elementos das forzas mauristas, dentro do Partido Conservador. Para Beramendi, aquel intento apenas pasou do activismo político, con unicamente catro candidaturas propias. O único deputado sería José Calvo Sotelo por O Carballiño; un fracaso que deixou un “pouso abstencionista” e reforzou decisivamente a corrente nacionalista das Irmandades.

Para o verán de 1918 chegaría o primeiro paso para atallar a descoordinación entre as Irmandades, coa agrupación coruñesa redactando un regulamento de dirección e seccións. Porén, existía aínda a necesidade de definirse ideoloxicamente. A “irrupción“ de Vicente Risco, que viña de publicar en xullo Teoría do Nacionalismo Galego, decantou o debate. Os católicos retiráronse e os rexionalistas escindíronse no Centro Regionalista.

Con este precedente xermola a Asemblea Nacionalista, preparada por Antón Losada Diéguez, que desgrazadamente fina o 27 de outubro de 1918. Esta ausencia deixou a Lois Porteiro de referente da esquerda, co “contrapeso” de Risco na dereita. Así as cousas, as Irmandades escolleron xuntarse nun enclave feble, que requería dun “empurrón” para consolidar o ideal nacional: Lugo.

A Asemblea Nacionalista de Lugo

A Asemblea Nacionalista de Lugo celebrouse os días 17 e 18 de novembro de 1918, centrada nos asuntos organizativos e na redacción do programa das aspiracións nacionalistas. Entre os sesenta asistentes estaba parte do futuro cadro de dirixentes, con Noguerol, Quintanilla ou Castelao, “e só faltaban Viqueira e Otero Pedrayo”. Eran representantes de dezaséis localidades, amén doutras dezasete das que procedían diversos apoios da causa, con xornais, asociacións agrarias, dúas asociacións rexionalistas e o coro ferrolán Airiños da Miña Terra.

Foi o nacemento do nacionalismo galego organizado, en palabras de Beramendi. Sentou as bases da teoría, así como da cultura e a lingua, creando un rico corpus ideolóxico que pode considerarse un segundo Rexurdimento. Apareceu Galicia como nación, configurando un mapa político diferenciado que botaría a andar durante a II República e chegaría alén da Transición do franquismo á democracia.

Justo Beramendi | Óscar Bernárdez
Justo Beramendi | Óscar Bernárdez

Como corrente política, a Asemblea Nacionalista decidiu organizarse a partir do modelo coruñés, que a priori sería “un fracaso sociopolítico, sen arraigo ata 1930”. O programa, que se conserva no Museo do Pobo Galego, quedou escorado á esquerda, coa dereita dos Losada, Otero Pedrayo e Risco “abducida”. A Nosa Terra foi declarado voceiro oficial.

As Irmandades foron así o primeiro colectivo en plasmar a Galicia como nación. O manifesto consideraba que España era un estado composto de nacións que debían entenderse, polo que Galicia debía acadar a “autonomía integral”. Isto implicaba a concepción dun poder político completo, sen subordinación, un estado que federaríase seguindo preceptos semellantes aos empregados por Pi i Margall.

Galicia na Federación Ibérica

Sinalaba o manifesto que a resultante Federación Ibérica –Portugal inclusive– reservaría un alto nivel de competencias para Galicia: réxime bancario e fiscal baixo a fórmula de concerto, administración pública, agricultura, industria, comunicacións, transporte, educación, lexislación social e seguridade, entre outros aspectos. A Federación ocuparíase exclusivamente da moeda, os dereitos fundamentais, as relacións exteriores e as Forzas Armadas.

A “construcción nacional” de Galicia seguiría un principio progresista, recuperando o uso público da lingua galega, a través dun órgano provisional ata a celebración de eleccións constituíntes. Un dos obxectivos primordiais era a eliminación do clientelismo. O miolo do estado federado sería a democracia representativa e proporcional, con sufraxio feminino; incentivaría ferramentas directas coma os referendos, eliminaría as deputacións e daría autonomía aos municipios, recuperando a oficialidade das parroquias no canto dos concellos rurais.

Grandes atrancos internos dificultarían o desenvolvemento daquela primitiva organización, embrión do Partido Galeguista, conformado en decembro de 1931. Mais foi o comezo dun ciclo político que tería o punto álxido no Estatuto aprobado en referendo o 28 de xuño de 1936, primeira expresión de autonomía para Galicia, co galego coma lingua cooficial.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...