A alcaldesa de Lugo denuncia ao PPdeG por querer entrar nun “recinto pechado por falta de seguridade”

O PP acusa a Lara Méndez de estar "nerviosa" pola súa pretensión de celebrar un acto no auditorio de Magoi, pendente de apertura.

Auditorio de Magoi / PPdeG

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, afeou ao grupo municipal do PP que pretendan entrar nun “recinto pechado” por motivos “de seguridade” como é o auditorio de Magoi, cuxo perímetro está precintado por orde do goberno local.

Alí, os populares programaran para a tarde deste mércores unha sesión de maxia en protesta porque aínda non se puxeron en marcha estas instalacións a pesar de que a Xunta entregou as chaves deste espazo cultural hai dous anos.

A alcaldesa acusou ao PP de “volver a actuar con irresponsabilidade” porque “quixo facer un uso destas instalacións cando aínda estaba en mans da Xunta e foi a propia Xunta a que non lles permitiu a entrada”. “Volven convidar á cidadanía a entrar nun recinto pechado, que está pechado por falta de seguridade e polas actuacións que temos que levar aí para garantir a seguridade”, remarcou.

Lara Méndez denunciou que o Partido Popular “manipula á cidadanía convocándoa a un acto político e a unha concentración disfrazada de acto cultural”. “Desde o ano 2016 ao 2020 non tiñan ningunha prema en abrir o auditorio. Se a Xunta nolo dera en condicións a día de hoxe os lucenses xa gozariamos do mesmo”, despachou finalmente.

PP VE A MÉNDEZ “NERVIOSA”

Pola súa banda, o viceportavoz do PP, Antonio Ameijide, indicou que o peche do auditorio corresponde a “unha decisión impulsiva da alcaldesa, froito do nerviosismo de ver os resultados das eleccións andaluzas e despois de haber visto que o final está preto e queda menos dun ano para que ela deixe a alcaldía”.

“Probablemente eses nervios a leven a tomar ese tipo de decisións impulsivas”, protestou Ameijide, que incidiu en que o acto fora comunicado tanto ao concello como á Subdelegación do Goberno na provincia.