O lucense Luís Villares arrincará a campaña na capital apoiando a Lugonovo

Luís Villares, voceiro de En Marea, anunciou que levarán a situación do Xulgado de Instrucción Número 1 de Lugo de novo ante o Parlamento de Galicia | Óscar Bernárdez
Luís Villares, voceiro de En Marea, anunciou que levarán a situación do Xulgado de Instrucción Número 1 de Lugo de novo ante o Parlamento de Galicia | Óscar Bernárdez

Tras menos de dúas semanas de respiro electoral, os partidos políticos volven arrincar na madrugada do xoves ao venres a carreira cara ás urnas, neste caso, con 313 alcaldías en xogo en territorio galego despois dos comicios do pasado 28 de abril que deron, por primeira vez, a vitoria electoral ao PSOE en Galicia por diante do PP.

Con menos dunha quincena de descanso na que non se chegou a parar a maquinaria, os principais partidos tómanse estes comicios como unha segunda volta. No caso do PPdeG, como os do comezo da ‘remontada’ electoral; unha postura similar á do BNG, que se ve “en alza” despois de duplicar os apoios das xerais fronte a 2016. En Marea exponse estes comicios como o seu espazo xenuíno e aspira a lograr bos resultados.

Pola súa banda, os socialistas, coa celebración dos resultados obtidos o 28 de abril aínda sen pechar, fará unha campaña en positivo e seguirá a estratexia da mobilización para “frear o risco de involución”, como xa fixo para a anterior cita.

EN MAREA

En Marea, que cifra en 70 as candidaturas locais adscritas á súa marca paraugas, confía nas municipais e europeas para recuperarse dos malos resultados obtidos o 28A. De feito, o portavoz do partido, Luís Villares, acompañará ao aspirante á Alcaldía da capital lucense por Lugonovo, Xosé Chorén, nun acto no que tamén será o arranque para as europeas, que se celebran o mesmo día. Por iso, tamén cobrará protagonismo a candidata ao Parlamento Europeo Lídia Senra, no acto que se celebrará en Lugo, cidade natal do maxistrado en excedencia, que se envorcou na campaña de En Marea para as xerais do 28 de abril.