Anpas de Lugo inician unha campaña en redes para evitar o peche do colexio de Baamonde

O presidente da Deputación provincial dubida que a súa clausura obedeza ao "interese público" e ve "un interese privado detrás"

Concentración contra o peche do colexio de Baamonde | @caminonortebaamonde

A presidenta da Federación Provincial de Anpas de Lugo (Fapacel), Isabel Calvete, anunciou este martes o inicio dunha campaña en “redes” para evitar o peche do colexio de Baamonde, no municipio lucense de Begonte. Este centro xa non estará operativo o próximo ano despois de que a Xunta aceptase o reto do alcalde deste municipio, José Ulla, de levar aí un conservatorio de música.

Calvete destacou que as reivindicacións dos pais de Baamonde están apoiadas pola federación provincial e tamén polas Anpas de Galicia. Así van arrincar “unha campaña de apoio nas redes sociais”. “Unha campaña para solidarizarnos cos pais de Baamonde e imos tentar que non se chegue a esta barbaridade de pechar un colexio porque si, un colexio do rural, e coa campaña esperamos chegar a toda Galicia”, explicou.

Isabel Calvete non descarta que a Consellería de Educación dea “marcha atrás” escudándose en que “isto é unha incongruencia total e non hai argumentos” que xustifiquen esta decisión. “A razón téñena os pais, un colexio con 30 nenos non se pode pechar así por así e claro que se pode dar marcha atrás a esta decisión”, engadiu.

Así mesmo, Calvete aclarou que “apoiarán” todas as accións de protesta que emprendan os pais de Baamonde, “tanto se deciden manifestarse ou encadearse ao colexio como fixeron días atrás”. “Tanto as Anpas de Lugo, como de Galicia, apoiamos aos pais deste colexio porque teñen razón e hai que facer ver a barbaridade que pasa neste século porque si. O rural hai que defendelo doutra forma”, protestou a presidenta de Fapacel.

ACHEGAR OS SERVIZOS

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, puxo este martes en dúbida que o peche do colexio de Baamonde, no concello de Begonte, obedeza ao “interese público”.

A luva que lanzou no seu día o alcalde, o popular José Ulla, para alí situar un novo conservatorio de música calou finalmente na Xunta que aceptou a proposta tras unha reunión do alcalde co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

O dirixente socialista Tomé apelou á necesidade de “achegar os servizos aos cidadáns, e o que non se pode facer é dicir que apostamos polo rural e logo quitarlles servizos porque iso contradise en si mesmo”.

“Logo imos amolar aos máis pequenos cando deberiamos de arraigalos nos seus territorios. Nós estamos en contra, evidentemente en contra que se supriman servizos públicos no rural”, defendeu.

Así mesmo, o presidente provincial de Lugo respecto ao peche deste colexio confesou que ten “dúbidas” de que se faga “en” base ao “interese público”. “Parece que máis ben hai un interese privado detrás e xa veremos a que intereses vai beneficiando, pero algúns seguro”, denunciou.

“O que parece é que os pais non optaron por Begonte para levar aos seus nenos (era a opción exposta polo alcalde de trasladar a ese colexio os 30 alumnos de Baamonde), senón que van ir ao colexio de Parga (Guitiriz). Entón non sei onde está o beneficio desta xogada do Partido Popular quitando un servizo a todos os veciños e veciñas de Baamonde e prexudicando sobre todo aos nenos”, concluíu José Tomé.