Acusan á presidenta do Colexio de Veterinarios de Lugo de denuncia falsa

Un grupo de colexiados advirte de que Ana López Pombo, edil popular en Lugo, emprega o órgano na defensa dos seus intereses persoais e partidistas

Ana María López Pombo, presidenta do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo (Covel) e edil do PP na cidade das murallas / twitter

O Colexio de Veterinarios de Lugo acumula unha nova polémica. Desta vez, a plataforma Colvet Lugo Democrático acusa á presidenta do órgano, Ana López Pombo, de presentar unha querella falsa contra un dos colexiados por inxurias. O citado colectivo, que preconiza eleccións inmediatas no órgano, presentou probas documentais que supostamente demostrarían a falsidade da denuncia presentada perante o Xulgado de Paz de Guitiriz.

Este episodio chega pouco antes da inminente asamblea ordinaria prevista para o 27 de xuño, e que podería decidir o futuro do Colexio. A convocatoria desta sesión para as dúas e media da tarde dun mércores é contemplada coma unha obstrución deliberada nos procesos de decisión interna, por dificultar a asistencia de quenes deberían asistir dende outras comarcas, por cuestións de traballo e de conciliación familiar.

Nestes momentos, a presidenta do Colexio ten pendente acatar o fallo do Consello Galego de Colexios Veterinarios, o órgano de rango superior a nivel autonómico, para que se poida votar unha moción de censura. Tal medida é o resultado dunha xestión criticada por falta de democracia, transparencia e independencia política.

Os eventos máis polémicos comezaron antes da asamblea ordinaria de xuño de 2017,  cando López Pombo enviou aos colexiados unha carta con membrete do Partido Popular, formación pola que é edil no Concello de Lugo. Xa en devandita asamblea, a presidenta denegou varias quendas de palabra e negouse a respostar a varias preguntas. Na seguinte sesión, celebrada en decembro do mesmo ano cunha gran asistencia, os colexiados rexeitaron aprobar a acta da asamblea anterior porque non recollía as irregularidades citadas. E tampouco saíron aprobados os orzamentos para 2018, deixando as contas prorrogadas.

Por mor desta inestabilidade dimitiron tres membros da xunta de goberno. Nas eleccións parciais resultaron elexidos por amplia maioría sendos membros da candidatura Colvet Lugo Democrático, colectivo oposto a Ana López Pombo que defende eleccións inmediatas e incompatibilidade entre postos políticos e os cargos directivos no Colexio.

Nesta situación, presentáronse sinaturas abondo para debater a convocatoria dunha moción de censura; votación que a presidenta denegou, esixindo que as firmas estivesen lexitimadas notarialmente, un requisito que non está nos Estatutos. Fronte ao bloqueo, os solicitantes da moción presentaron un recurso perante o Consello Galego, que fallou a favor da votación para a moción de censura.

 

Membros de Colvet Lugo Democrático, un colectivo de veterinarios críticos coa presidenta, Ana María López Pombo | FB

Segundo Colvet Lugo Democrático, “Ana López Pombo resístese a permitir a votación, que consideramos tería claramente un resultado adverso á súa continuidade”. Este sector crítico acusa á presidenta de empregar os medios do Colexio de Veterinarios de Lugo para defender os seus intereses, “difundindo comunicados a todos os colexiados na súa defensa, e negándose a transmitir a opinión do resto da xunta de goberno”.

É neste contexto onde un novo comunicado dos opositores acusa á presidenta de denuncia falsa. A querella foi interposta en novembro contra un dos colexiados por inxurias, despois de que esta persoa publicara nun grupo de mensaxería, no que participan douscentos membros, que a xunta de goberno aprobara o cobro de 150 euros para cada directivo pola asistencia a cada reunión. Segundo constaba na denuncia, a medida non se chegara a aprobar.

Con todo, a consecuencia das eleccións parciais, o denunciado resultou escollido Secretario do Colexio. Deste xeito puido acceder á documentación que supostamente demostra a existencia do acordo. Dende Colvet Lugo Democrático aseguran que a dirección “non se atreveu” a plantexar a ratificación do acordo, que non fora mencionado aos colexiados. Malia contar coas probas documentais, o colectivo non asumirá novas medidas legais para evitar a xudicialización desta polémica. Así, instan á maior participación posible “malia o custe profesional e persoal” para forzar a convocatoria de eleccións e evitar que os orzamentos saian adiante.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here