A talla de árbores feita polo Club Fluvial onda o Miño carece de permiso municipal ou da CHMS

Adega e 'Lugo de Cara ao Miño' denunciaron esta actuación, levada a cabo durante o confinamento. O presidente do Club Fluvial defende que "todo está en regra".

Zona próxima ao Club Fluvial de Lugo, xa sen árbores | Lugo De Cara ao Miño - Facebook

O Club Fluvial de Lugo carecía de permiso para a talla de árbores na contorna do río Miño, unha actuación que levou a cabo nos últimos días, e sobre a que o Concello lucense xa incoou un expediente, segundo confirmaron a Europa Press fontes municipais.

As mesmas fontes explicaron que o Concello de Lugo recibiu unha notificación previa do inicio dunhas obras (para un novo aparcadoiro) pero a entidade deportiva non deixou pasar o prazo establecido de 15 días para entender esa notificación como positiva por silencio administrativo.

Fontes municipais consultadas afirmaron que “a Policía Local se presentou no lugar para facer un informe” e, posteriormente, desde o consistorio lucense incóase “un expediente”. A licenza menor que pedía o club nesa comunicación, detallaron, non especificaba en ningún punto “a talla de ningunha árbore”.

SEN AUTORIZACIÓN DA CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA

Por outra banda, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil non deu ningún tipo de autorización á entidade lucense. De feito, segundo puido saber Europa Press, axentes de garda fluvial da Confederación acudiron ao lugar das actuacións para “abrir dilixencias previas” que poderían resultar, segundo fontes do organismo, nun “expediente sancionador”.

O FLUVIAL DI QUE TODO ESTÁ “EN REGRA”

Porén, o presidente do Club Fluvial, Tito Valledor, defendeu que “todo os documentos necesarios están en regra” e que se a entidade deportiva está equivocada, “o tempo o dirá”.

DENUNCIADO POR ADEGA E LUGO DE CARA AO MIÑO

Os feitos foron denunciados pola asociación ecoloxista ADEGA (que mesmo chegou a presentar unha denuncia ante o Seprona) e fíxoos públicos a plataforma Lugo de cara ao Miño.

En declaracións a Europa Press, Lucía Álvarez, membro da plataforma, afirmou que se decataron do ocorrido “grazas á participación cidadá”, e aclarou que a zona da canle do río “está en Rede Natura e está próxima ao camiño de Santiago”. Álvarez afirmou tamén que “se non teñen os permisos pertinentes deberían de restaurar na medida do posible o dano causado”.

Preocupación ante a “salvaxe” talla de árbores ao pé do Miño durante o confinamento