Descubertos círculos concéntricos e cruces no enigmático conxunto arqueolóxico de Adai, en Lugo

Varios dos petróglifos descubertos en Adai, Lugo, polo colectivo Patrimonio dos CAncares

Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure, descubriron uns novos pretróglifos no concello de Lugo grazas a unha tala de piñeiros. Foi no Monte das Penas do Caldeiro, na parroquia de Adai, situado a 541 metros de altitude.

Este novo achado tivo lugar na parte superior dun afloramento granítico coñecido como As Penas do Caldeiro onde localizaron máis dunha decena de coviñas, unha combinación de dous círculos concéntricos, unha incisión navicular, unha cruz inscrita dentro dun círculo e un cruciforme. En dous acubillos situados debaixo do afloramento documentaron, ademais, dúas penas con cazoletas. “O nome de Penas do Caldeiro quizais se deba a que na parte superior contén unha ampla e profunda pía”, indica o colectivo nun comunicado.

Cruces atopadas en Adai polo colectivo Patrimonio dos Ancares

“O lugar atópase nunha zona arqueolóxica de primeira orde xa que nas inmediacións, nun radio duns 400 metros, atópase o dolmen de Adai, varias mámoas, o asentamento do Castrillón, os petroglifos da Pena do Castrillón e da Pena Fita e un dubidoso, para nós, menhir”, engade.

ELEMENTO ÚNICO

Pero o elemento máis enigmático deste conxunto é unha impresionante pedra de forma elíptica, segundo estes investigadores, única en Galicia, duns 12 por 6 metros, circundada por 18 buratos comunicados todos eles por un suco. Na parte central vese unha pía circular duns 25 cm de diámetro que desauga noutra rectangular duns 80 por 30 cm e rodeada de varias cazoletas.

“Aínda que se teñen realizado varias conxecturas sobre o seu uso e significado (algunhas raiando o paroxismo; mesmo sabemos de casos de persoas que utilizan o lugar para realizar conxuros, invocacións, etc. En fin…), hoxe por hoxe continúa a ser unha incógnita arqueolóxica, sen ben algúns estudos apuntan a unha base de cabana de tipo ritual”, destaca o colectivo.

Base da posible cabana ritual atopada na parroquia de Adai, en Lugo, hai xa 30 anos / Patrimonio dos Ancares

Neste 2019 cúmprense 30 anos da súa descuberta polos investigadores Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela que documentaron varios centos de xacementos polos concellos de Friol, Lugo e Outeiro de Rei. “Imos dirixirnos ao Concello de Lugo para que promova os estudos deste singular elemento arqueolóxico, ademais de protexelo e sinalizalo”, indica.  A descuberta dos petroglifos xa foi comunicada ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here