No 2000, a empresa brasileira GMG realizou a primeira inseminación da vaca autóctona Nelore con seme de rubia galega. Aquela experiencia contou coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, ACRUGA e a Xunta de Galicia. Para este 2018, a distribuidora acordou coa Asociación de Criadores –na que están asociados mil setecentos gandeiros da provincia de Lugo– a inseminación de 130.000 exemplares, un crecimento exponencial do que dá conta Eduardo Gomez Grandal, director comercial de GMG.
A presenza de rubia galega no Brasil débese ás cualidades xenéticas que aporta á produción gandeira. “Un cruce mal feito é un retroceso, está comprobado. Pero se colles a raza rústica Nelore e a cruzas coa continental, a rubia galega, o F1 –o animal que sae do cruce– sae moi potenciado, colle o mellor dun e doutro, sae un animal espectacular”.
As vantaxes do cruce industrial
As características diferenciais deste cruce son a precocidade, a eficiencia produtiva e a calidade da carne. Mentres que no Brasil sacrifícase a variedade autóctona con 36 meses, logo do cruce con rubia galega poden reducir ese tempo substancialmente, acadando produtos que requiren 10 meses de cría –tenreiros–, ou un máximo de 20 meses –no caso dos novillos–.
Fanno ademais con máis carne da media do gando vacún carioca. A rubia galega agrega máis carne e no rendimento de despece trabállase na orde do oitenta e dous por cento, cun rendimendo de canle próximo ao sesenta por cento. “Os rendimentos cárnicos son moi interesantes”, comenta Grandal.
A estas cualidades industriais cómpre engadir a calidade da carne, máis magra e con menos grasa saturada. É unha carne branda e de aspecto superior, mellor para a saúde. Na actualidade GMG traballa basicamente en Brasil, para a cadea Pão de Açúcar, e en Uruguai, enfocado cara a exportación. “Queremos abrir novos mercados, o de Estados Unidos é moi interesante porque alí a carne é moi grasa. Se entramos, haberá que preparar moitos animais aquí para producir o seme”.
Crecimento imparable
Os plans de futuro da compañía pasan por incrementar o número de vacas que insemina en Brasil con xenética de rubia galega. “Esperamos que nun par de anos poidamos chegar a 180.000, ou 200.000 vacas”. Ambicioso obxectivo, aínda que relativamente pequeno nun país no que hai douscentos millóns de cabezas de gando.
Grandal afirma que o progreso da mellora xenética é incontestable, tamén entre os propios gandeiros. “Os animais son hoxe máis produtivos, hai unha selección xenética adicada, búscase a eficiencia e sobre todo a precocidade: animais que comen menos e cos que o gandeiro gaña máis”. Esta vantaxe indirecta convenceu aos propietarios das explotacións, algo que “vese no dia a día na evolución xenética das granxas”.
César Dorado, presidente de ACRUGA: “Hoxe somos coñecidos en todo o mundo”