InicioMedioambiente e PatrimonioAnimalistas din que os accidentes con xabaríns en estradas duplicáronse en 2018...

Animalistas din que os accidentes con xabaríns en estradas duplicáronse en 2018 en tempada de caza

O maior número de accidentes deuse na N-640 entre Rozas e A Fervedoira, onde se produciron un total de 25 sinistros, 20 deles en tempada de caza e 5 fora dela.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Plataforma de asociacións ecoloxistas, conservacionistas e animalistas, Con-ética, chamou a atención sobre o incremento dos accidentes de tráfico ocasionados por xabaríns durante a tempada de caza.

Segundo un estudo realizado en 2018 nas estradas do Concello de Lugo, nos meses sen caza, a media de accidentes con xabaríns foi de 6,57 por mes, pasando a unha media de 14,6 accidentes nos meses nos que se permite a práctica cinexética.

A portavoz de Con-ética, Verónica Crecente, explicou que a análise descarta que o número de accidentes teña relación co aumento da poboación deste animal. Isto é así “porque o maior número de sinistros dáse en decembro, momento no que debería ser previsible que a poboación de xabaríns reduciuse pola caza”, avisa a portavoz, que considera que este dato descarta que a caza teña “eficacia algunha” como medida de prevención de accidentes.

“Todo isto atribuímolo á caza, xa que xera moita tensión nos animais, ademais de ocasionar desprazamentos incontrolados, porque os xabaríns irrompen nas estradas provocando os accidentes”, indica.

Conforme aos datos do estudo, o maior número de accidentes deuse na N-640 entre Rozas e A Fervedoira, onde se produciron un total de 25 sinistros, 20 deles en tempada de caza e 5 fora dela. Outra cifra “preocupante” para a plataforma é que “a segunda vía con maior número de accidentes foi a A-6, onde as medidas de prevención de acceso de fauna deberían estar aseguradas”.

CRÍTICAS Á XUNTA

Neste contexto, a plataforma censurou que a Xunta, en lugar de aplicar medidas de prevención de accidentes, decida “aumentar a tempada de caza e o número de batidas“. Isto podería “agravar máis o problema incrementando os accidentes”, advirte Con-ética.

Finalmente, a portavoz urxe á Administración autonómica que aplique as medidas de prevención reais –recollidas no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016/2020— “que garantan a seguridade dos condutores” con “pasos de fauna, vías de escape ou peches reforzados”. Ademais, reclama que desenvolva estudos científicos sólidos que permitan ter unha visión precisa da poboación de xabaríns.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo responde ao PP sobre a incorporación dun funcionario de administración local

  A Deputación Provincial de Lugo, ante as declaracións realizadas polo Grupo Provincial do Partido...

Concello de Lugo e CHMS colaborarán para recuperar a contorna da rúa Fermín Rivera

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS),...

A Deputación de Lugo pide á Xunta reformular o anteproxecto de lei de administración local

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes unha proposta de Goberno en...

O PP acusa a BNG e PSOE de “deixar oco” na Deputación para que entrase o fillo do alcalde de Lugo

Os voceiros do Grupo Municipal, Elena Candia, e do Grupo Provincial do PP, Antonio...